A Xunta advirte á cidadanía da necesidade de tomar medidas axeitadas para evitar ou reducir o impacto negativo das baixas temperaturas no organismo

O aire frío continental deixarase notar en Galicia especialmente nas xornadas de hoxe xoves e de mañá venres

Este episodio de frío rematará en Galicia o sábado

Recoméndase usar roupa lixeira, non apertada e que transpire, empregando varias capas de roupa lixeiras superpostas en lugar dunha soa de tecido groso

Extremar as precaucións no caso de que haxa xeo na rúa, para evitar caídas que poden producir fractura de cadeira ou doutros ósos
 

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2024

Debido ao descenso das temperaturas durante estes días, a Consellería de Sanidade da Xunta advirte á poboación galega da necesidade de tomar as medidas axeitadas para evitar ou reducir o impacto negativo das baixas temperaturas no organismo, especialmente, na poboación máis vulnerable.

Así, segundo comunica MeteoGalicia, debido á presenza dun anticiclón ao norte da península Ibérica, combinada coa presenza dunha borrasca no Mediterráneo occidental, conforma un corredor de isóbaras que achega durante esta semana aire frío procedente do continente europeo cara á península Ibérica. Este aire frío continental deixarase notar en Galicia especialmente nas xornadas de hoxe xoves e de mañá venres.

Deste xeito, hoxe e mañá serán días máis anticiclónicos, nos que a presenza da masa de aire frío farase sentir, debido a que as borrascas atlánticas deixarannos de influír. Os ceos máis abertos propiciarán baixadas significativas das temperaturas mínimas, ocasionando xeadas xeneralizadas no interior, que serán máis intensas o venres.

Este episodio de frío rematará en Galicia o sábado, xa que de novo activaranse as baixas presións atlánticas, cambiando o vento a sur e achegando masas de aire máis mornas cara á nosa comunidade.

Principais recomendacións

As principais recomendacións para previr os efectos negativos para a saúde das baixas temperaturas son:

    Usar roupa lixeira, non apertada e que transpire. Empregar varias capas de roupa lixeiras superpostas en lugar dunha soa de tecido groso.

    Prestar especial atención á protección da cabeza, o pescozo, os pés e as mans, porque son as zonas máis sensibles e de maior perda de calor.

    Empregar roupa de abrigo resistente ao vento e á humidade e calzado impermeable e antiescorregadiza.

    Procurar permanecer seco, xa que a roupa mollada arrefría o corpo rapidamente.

    En caso de ter que realizar un traballo físico baixo o frío, debe facerse con precaución, suavemente, procurando non esgotarse, especialmente se se sofre algunha doenza de tipo cardiorrespiratorio ou hipertensión.

    Respirar polo nariz e non pola boca, xa que o aire quéntase ao pasar pola fosas nasais e así diminúe o frío que chega aos pulmóns.

    Beber líquidos quentes e azucrados, salvo contraindicación médica e evitar as bebidas alcohólicas.

    Extremar as precaucións no caso de que haxa xeo na rúa, para evitar caídas que poden producir fractura de cadeira ou doutros ósos.

    Manter o contacto coas persoas consideradas máis vulnerables (chamadas ou visitas) para valorar a súa situación concreta e previr efectos graves das baixas temperaturas.

    Consultar co persoal sanitario de referencia, co 061 ou o 112 en caso de ser necesario.

Mais información na páxina web do departamento sanitario galego.

Data de actualización: 11/01/2024