A Xunta destina máis de 3,5 M€ ás axudas para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos no mercado interior

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución coas bases reguladoras e a convocatoria destas subvencións
 

A convocatoria, que é bianual, destina un importe de 2.544.000 euros para a anualidade de 2024 e 1 millón de euros para a de 2025
 

Isto permitirá financiar actuacións de promoción que se desenvolvan en 2024 e tamén aquelas que se estendan ata o 30 de abril de 2025
 

Os interesados teñen dous mes dende mañá, día seguinte da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para solicitar estas achegas.
 

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución  coas bases reguladoras e a convocatoria das axudas da Consellería do Medio Rural para o apoio ás actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior correspondentes ao 2024, cuxa dotación total é de 2.544.000 euros. 

A convocatoria, que é bianual, destina un importe de 2.544.000 euros para a anualidade de 2024 e 1 millón de euros para a de 2025. Isto permitirá financiar as campañas de promoción que se desenvolvan no ano 2024 e tamén aquelas accións que se inicien neste ano e teñan continuidade en 2025, con data límite do 30 de abril. Estas achegas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.  

Con estas axudas os consellos reguladores e asociacións de produtores poden afrontar as campañas de promoción, que inclúen a publicidade en todo tipo de medios; os obxectos promocionais; as degustacións; as misións comerciais; a asistencia a feiras galegas, nacionais e internacionais; a organización das feiras propias, maioritariamente dedicadas aos viños das distintas denominacións de orixe; e a realización de estudos de mercado ou xornadas divulgativas, entre outras accións. 

A porcentaxe de axuda sobre os investimentos pode acadar o 70%, sendo incompatibles neste caso con outras axudas concedidas para os mesmos conceptos se superan ese límite. Os interesados teñen dous mes dende mañá, día seguinte da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para solicitar estas achegas.

Ligazón á resolución no DOG:
 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/01/2024