O presidente da Xunta participou nun acto de homenaxe aos traballadores do ferrocarril
Rueda destaca a importancia das conexións por tren para o avance social e económico de Galicia
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor hoxe a relevancia que teñen as conexións ferroviarias -xa desde a primeira liña que se puxo en funcionamento en Galicia- para o avance social e económico da comunidade autónoma.
Así o sinalou durante a súa participación nunha homenaxe aos traballadores do ferrocarril, enmarcado nos actos de conmemoración do 150 aniversario da chegada do tren a Galicia. Alí estivo acompañado da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez.
Durante a súa intervención, o titular do Executivo galego fixo fincapé en que o tren é fundamental para a conexión co resto da península, para o transporte de mercadorías e para avanzar cara a unha mobilidade máis limpa e sostible. Por iso, recordou a necesidade de seguir apostando por este medio de transporte con máis e mellores conexións.