A Xunta comeza as obras para a mellora de 55 paradas de autobús en estradas autonómicas de acceso á cidade da Coruña, cun investimento de 1,4 M€
Os traballos están a iniciarse en dúas paradas situadas en Larín, no concello de Arteixo, nas marxes das estrada AC-552, onde non se precisan expropiacións
O 24 e 25 de xaneiro formalizaranse as actas de ocupación, o que implicará a dispoñibilidade dos terreos para o resto das paradas nas que se vai actuar
As intervencións, no seu conxunto, acometeranse nas paradas da zona oeste de acceso á cidade, en 7 concellos das comarcas da Coruña e de Bergantiños
Acondicionaranse 26 paradas en Arteixo, 3 na Coruña, 13 en Culleredo, 9 en Carballo, 2 en Cerceda, 1 en Malpica e 2 en Ponteceso
Os traballos inclúen a mellora da contorna, coa execución de sendas ou beirarrúas, a instalación de novas marquesiñas ou a colocación de varandas
A Xunta vén de comezar as obras para a mellora da accesibilidade e conectividade de 55 paradas de autobús en estradas autonómicas ao paso de rutas de acceso á Coruña, cun investimento de 1,4 M€.
As actuacións están a iniciarse en dúas paradas situadas en Larín, no concello de Arteixo, nas marxes das estrada AC-552, na contorna do punto quilométrico 15+700, onde non se precisa expropiación de terreos para acometer as intervencións.
Cómpre lembrar que os vindeiros días 24 e 25 de xaneiro formalizaranse as actas de ocupación das expropiacións, o que implicará a dispoñibilidade dos terreos para o resto das paradas nas que se vai actuar.
Estas intervencións acometeranse nas paradas correspondentes á zona oeste de acceso á cidade Coruña situadas en 6 estradas da titularidade da Xunta ao paso por 7 concellos das comarcas da Coruña e de Bergantiños.
Máis concretamente, a través deste contrato melloraranse as paradas situadas nas estradas autonómicas AC-400, AC-413, AC-414, AC-418, AC-424 e AC-552. Concretamente, no concello de Arteixo, melloraranse 26 paradas; na Coruña 3; en Culleredo 12; en Carballo 9; en Cerceda 2; en Malpica 1 e en Ponteceso 2.
Os traballos consistirán no acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas.
Tamén se inclúe a instalación de novas marquesiñas ou a colocación de varandas para protexer aos usuarios onde haxa desniveis.
As intervencións están están financiadas ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.