A Xunta adxudica por máis de 1,1 M€ as obras de demolición do Hotel de doentes, necesaria para executar o anel viario do novo Hospital Público da Coruña

Estes traballos contan cun prazo de execución de 7 meses e consisten no derribo do edificio, que ten 7.691 m2 divididos en 10 andares

As obras realizaranse tendo en conta as vías de acceso, evitando interromper o funcionamento do complexo e minimizando a xeración de pó e ruído

Na primeira fase demolerase o volume do salón de actos e unha parte do bloque administrativo

Na segunda fase derrubarase o bloque alongado e as demais zonas administrativas
 

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2024

A Xunta adxudicou por 1.119.048 euros a execución das obras de demolición do actual Hotel de Doentes, necesarias para construír o anel viario perimetral que bordeará o novo Hospital Público da Coruña, o Novo CHUAC.

Esta intervención, adxudicada á UTE Xestión Ambiental de Contratas, S.L.-Construcciones Orega, S.L., conta cun prazo de execución de 7 meses, e céntrase na demolición do actual edificio que conta de 7.691 m2 construídos divididos en 10 andares, dous deles baixo rasante.

As obras obxecto do contrato que se vén de adxudicar realizaranse tendo en conta as vías de acceso e están planificadas para non interromper o funcionamento do complexo e minimizar a xeración de pó e ruído.

En concreto, as obras de demolición levaranse a cabo do xeito máis eficiente e sostible, optando por un criterio de derriba elemento a elemento. Así, os traballos seguirán a orde inversa á que corresponde cunha obra nova, procedendo desde arriba cara a abaixo e procurando que a derruba se realice ao mesmo nivel.

Os traballos de demolición executarase en dúas etapas, derrubando na primeira o volume correspondente ao salón de actos e unha parte do bloque administrativo, composta de 3 plantas, para dispoñer dunha zona máis ampla para a manobra da maquinaria e a realización dos traballos. Na segunda fase acometerase a derriba do resto dos bloques: o chamado bloque alongado e o resto das dependencias administrativas.

Para a execución de cada unha das etapas seguirase un plan de 5 fases empezando pola de desamiantado. Unha segunda fase corresponderá á demolición interior para minimizar as afeccións, xa que se realizará conservando todo o cerramento exterior da fachada. A terceira fase será a demolición exterior, á que lle seguirá a estrutura. A última consistirá na formación dunha plataforma realizada con produtos procedentes da demolición e posterior acabado mediante pavimento asfáltico, realizando un estendido de terra vexetal sobre os taludes para adecuar a área afectada polos traballos.

 
Data de actualización: 10/01/2024