A delegada territorial de Ferrol mantivo esta mañá unha reunión de traballo co alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus ao que informou desta nova orde

Aneiros lembra aos concellos que teñen ata o 8 de febreiro para solicitar as axudas para fomentar a igualdade e a conciliación e financiar os CIM

A convocatoria publicada no DOG contempla tres liñas de achegas orientadas a soster os gastos do persoal dos Centros de Información á Muller (CIM), a desenvolver programas municipais de igualdade e prevención da violencia de xénero e a fomentar a conciliación no ámbito local

Mugardos (A Coruña), 10 de xaneiro de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, mantivo esta mañá unha reunión co alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, ao que informou da recente convocatoria das axudas a entidades locais para a promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero, para financiar o mantemento dos Centros de Información á Muller (CIM), e para programas de fomento da conciliación e corresponsabiidade.

A convocatoria, que conta cun orzamento próximo aos 11 M€, está dirixida aos Concellos, consorcios ou mancomunidades que terán de prazo ata o próximo 8 de febreiro para presentar as súas solicitudes.

Segundo puntualizou Aneiros, a convocatoria conta con tres liña de financiación. Por unha banda, esta orde da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade inclúe axudas para a posta en marcha de accións para a promoción da igualdade e prevención de tratamento da violencia de xénero. Neste caso, os concellos poden recibir un máximo de 15.000 euros no caso de solicitudes individuais e de 28.000 euros se o programa é compartido entre varios municipios.

A segunda liña de axudas está destinada a financiar o labor dos CIM que, como destacou a delegada, “son un recurso de proximidade para a atención ás mulleres e, de forma especial ás vítimas de violencia de xénero”. Na área territorial operan actualmente 4 CIM -en Ferrol, As Pontes, Ares e Ortigueira- que dan servizo a oito concellos (o de Ortigueira presta un servizo agrupado con Cariño, Cedeira, Cerdido e Mañón). A través desta liña de axudas a Xunta contribúe a financiar os gastos do persoal responsable da dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero que desenvolven o seu traballo nestes centros. Neste caso, cada entidade local poderá recibir como máximo 45.000 euros e ata 120.000, de tratarse de solicitudes conxuntas.

Por último, Aneiros explicou que a terceira liña comprende as axudas de fomento da conciliación a través do Plan Corresponsables no ámbito local. Neste caso serán subvencionables as actuacións orientadas a facilitar a conciliación das familias con fillos menores de ata 16 anos de idade, con prioridade á atención de familias monoparentais, vítimas de violencia de xénero, desempregadas de longa duración, mulleres maiores de 45 anos ou unidades familiares con cargas relacionadas cos coidados.

Neste caso as axudas máximas ás que optan as entidades locais son de 150.000 euros no caso de solicitude individual e de ata 225.000 euros se a xestión é compartida. Nesta liña encádrase a posta en marcha de servizos municipais vinculado ao coidado profesional de menores tanto no domicilio -por un número determinado de horas semanais- como en dependencias públicas e o deseño de plans de sensibilización e formación en corresponsabilidade destinados aos homes e ás familias en xeral.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/01/2024