Lorenzana destaca as achegas da tecnoloxía á economía circular e ao aproveitamento dos recursos

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, asistiu hoxe a unha demostración de extracción de resina por parte da empresa Laxes Ambiental

O Rosal (Pontevedra), 10 de xaneiro de 2024

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe o que achega a tecnoloxía e a innovación para o desenvolvemento da economía circular e o aproveitamento sustentable dos recursos naturais. Fíxoo logo de ver en funcionamento o novo sistema de extracción de resina que emprega a empresa Laxes Ambiental. “Unha empresa galega que esta innovando, creando cada vez mais emprego e que quere dar un paso na primeira transformación”, subliñou.

A técnica que emprega esta peme, que presta os seus servizos ás comunidades de montes de varios concellos do Baixo Miño, é moito máis eficiente que os métodos tradicionais porque ofrece un maior rendemento e permite aumentar considerablemente a produción sen danar o ecosistema.

Lorenzana cualificouna como un claro exemplo de como o sector forestal en Galicia se está modernizando e recorrendo a novas técnicas para un mellor aproveitamento dos recursos. Un proxecto de emprendemento que se foi consolidando no tempo e con amplas expectativas de crecemento, ao ser o forestal un sector clave na economía de Galicia.

Ao respecto, lembrou o apoio que presta a Administración autonómica a pequenas e medianas empresas de Galicia nos seus plans de crecemento e competitividade cun traballo de primeira man a través da Oficina Económica. Así, avanzou a vindeira convocatoria das novas liñas de préstamos e reavais para pemes que a Xunta vai convocar este mesmo mes de xaneiro. Van ser préstamos a longo prazo de entre 3.000 e 1M€ para financiar investimentos produtivos ou circulante. Ou para investimentos estratéxicos, intervencións para ampliar a capacidade produtiva ou mellora de instalacións, que van entre os 500.000 euros e os 5M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/01/2024