A Xunta destaca a importancia da coxeración no proceso de transformación enerxética e industrial

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, visitou hoxe en Ames a planta de Neoelectra, asociada ás instalacións de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), xunto con representantes da Asociación Española de Coxeración (Acogen)

Ames (A Coruña), 9 de xaneiro de 2024

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, visitou hoxe en Ames a planta de coxeración de Neoelectra, asociada ás instalacións de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN).

Ademais de coñecer a planta de coxeración, cunha potencia nominal de 7.300 kW, o director xeral aproveitou a visita para reunirse co presidente da Asociación Española de Coxeración (Acogen), Julio Artiñano, e o director xeral desta entidade, Javier Rodríguez.

Neste encontro, Fernández Vila destacou a importancia da coxeración (que se centra na xeración de electricidade e calor que se aproveita nos procesos produtivos) no mix enerxético e no actual proceso de transición enerxética, que debe ser gradual, así como o feito de que sexa un claro exemplo do binomio enerxía-industria que defende a Xunta de Galicia.

En Galicia a coxeración está maioritariamente implantada en industrias de sectores estratéxicos (madeira, alimentación, papel, refino, químico, etc), con instalacións en funcionamento que poden achegar máis do 10 % da enerxía eléctrica producida en Galicia e gran parte da demanda térmica que se consome nos procesos industriais asociados a estas instalacións. Deste xeito, o director xeral destacou a coxeración como un exemplo claro de eficiencia enerxética e unha ferramenta fundamental para mellorar a competitividade, especialmente naquelas industrias que teñen que competir en mercados internacionais.

Durante o encontro fíxose fincapé na importancia de dotar de seguridade xurídica ao sector para evitar unha perda da competitividade industrial e asegurar un marco estable para o tecido produtivo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/01/2024