A Xunta, armadores e confrarías de Burela afondan na especialización do ciclo de FP dual en navegación e pesca de litoral no IES María Sarmiento

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, reuniuse con armadores e representantes das confrarías de Lugo e Burela para analizar a posibilidade impulsar un novo proxecto
 

Actualmente están matriculados un total de 13 estudantes neste grao medio no instituto viveirense, nun programa que conta coa colaboración do porto de Celeiro
 

Viveiro (Lugo), 9 de xaneiro de 2024

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou esta mañá o Instituto IES María Sarmiento de Viveiro, onde se reuniu con armadores de Burela, coa secretaria da Federación Provincial das Cofradías de Pescadores de Lugo, Carmen Abad, e co presidente da Confraría de Pescadores de Burela e presidente da Federación Nacional de Confrarías, Basilio Otero. O obxectivo do encontro é afondar na posibilidade de poñer en marcha un proxecto de FP Dual no curso 2024/25 do ciclo de grao medio en Navegación e Pesca de Litoral neste centros en colaboración con esta entidade.

Na reunión abordouse o deseño dun plan formativo especializado e axustado ás necesidades do sector pesqueiro de Burela e a colaboración dos armadores de poñer a disposición do instituto viveirense postos formativos nos seus barcos para o alumnado que realice estas ensinanzas.

Este ciclo alternaríase co implantado este curso, tamén de FP Dual en Navegación e Pesca de Litoral no IES María Sarmiento de Viveiro, en colaboración coa flora do porto de Celeiro, no que están matriculados 13 alumnos.

O obxectivo é dar resposta á necesidade manifestada polo sector de persoas que poidan exercer as funcións patróns costeiro polivalente debido a escaseza de titulados neste eido, malia á altísima inserción laboral da que goza na Mariña lucense.

As persoas que obteñen o título neste ciclo poderán desempeñar funcións de patrón costeiro polivalente, patrón local de pesca; oficial e oficial de ponte en buques mercantes, pesqueiros ou de pasaxeiros; mariñeiro pescador ou de ponte, inspector de frota ou supervisor de montaxe de artes e aparellos de pesca, entre outros.

Data de actualización: 09/01/2024