A Xunta inicia a execución de actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do rego do Castro ao seu paso polo concello de Narón

Os treitos obxecto das intervencións acadan unha lonxitude total de 784 metros

As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos

Estas intervencións teñen como obxectivo a mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de iniciar as actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do rego do Castro, no concello de Narón.

Estas tarefas desenvolveranse nunha lonxitude de 784 metros, no percorrido deste río pola parroquia de San Lourenzo de Doso.

Os traballos céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos.

Unha vez finalizadas estas actuacións, o rego do Castro quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas súas zonas de acceso e protección.

Estas intervencións teñen como obxectivo a mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/01/2024