A Xunta convoca os seus premios de literatura dramática cunha dotación global de 26.000 euros

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases do XXVII Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o XIII Manuel María de Literatura Dramática Infantil e o XVI Barriga Verde de textos para teatro de monicreques

O obxectivo dos tres galardóns é promover e recoñecer a creación literaria en galego no eido teatral
 

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia  publica hoxe as bases das novas edicións dos tres premios de literatura dramática que a Xunta de Galicia convoca con periodicidade bienal: XXVII Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, XIII Manuel María de literatura dramática infantil e XVI Barriga Verde de textos para teatro de monicreques nas súas modalidades de público infantil e adulto. Os tres suman unha dotación económica de 26.000 euros (8.000 euros para o primeiro deles e 6.000 euros para cada un do resto de galardóns e categorías).

Estas convocatorias comparten o obxectivo de lle servir de estímulo á creación literaria galega no eido dramático, así como procurarlle un maior recoñecemento e proxección social. Co mesmo fin e ademais das devanditas contías económicas, as bases establecen a posibilidade de que as obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades mantén con diferentes editoriais galegas.

Presentación de orixinais ata o 30 de abril

Poden optar a estes galardóns aquelas persoas físicas maiores de idade que participen con textos teatrais inéditos, escritos en galego normativo e non representados nin premiados noutros certames. As persoas gañadoras da pasada edición non poderán presentarse ao mesmo premio ou modalidade na que resultaron galardoadas. O prazo de presentación de orixinais permanecerá aberto desde mañá ata o 30 de abril.

Nos tres casos, o tema e a extensión poderán ser libres, aínda que se deberá ter en conta o principio de duración normal dun espectáculo teatral. Así mesmo, para o Álvaro Cunqueiro e o Manuel María, quedan excluídos os textos para teatro de monicreques.

Un xurado formado por seis persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico será o encargado da valoración de todos os textos recibidos no prazo e forma indicados, preferiblemente por vía electrónica a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia. O seu ditame farase público antes do 10 de decembro de 2024 e para emitilo, teranse en conta aspectos relacionados coas calidades literaria e dramática, a viabilidade escénica, a adecuación a cada galardón e o coidado da lingua.

Na anterior edición, o premio Álvaro Cunqueiro recaeu en O traxe, de Fernando Castro Paredes; o Manuel María foi para Nin me amoles, de Ana Carreira, e o Barriga Verde nas súas modalidades para adultos e para rapaces foi, respectivamente, para José Luis Baños de Cos por Nas nubes e para Eva Mejuto por Os contos do Lobicán

O traxe e Nin me amoles están publicados na colección Biblioteca Dramática Galega, que a Xunta mantén con Edicións Xerais, mentres que Nas nubes e Os contos do Lobicán forman parte da serie Barriga Verde, de Baía Edicións. Os catro títulos poden adquirirse tanto na Libraría Institucional da Xunta como nos principais puntos físicos de venda.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/01/2024