A Xunta publica hoxe no DOG o cambio de titularidade a prol do Concello do Carballiño de distintos treitos de tres estradas autonómicas

Transfírense á entidade local a vía OU-172 de 780 metros de lonxitude, que discorre entre a N-541 e o quilómetro 27+670 da OU-902; e os treitos antigos da OU-902, denominados OU-171 e OU-173, na Esgueva e na Veiga, respectivamente
 

A Xunta mantén a titularidade dos nós de conexión da OU-172 e dos treitos antigos OU-171 e OU-173 coa estrada OU-902
 

Co cambio de titularidade, o Concello de Carballiño terá a competencia para actuar neses treitos das estradas e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento
 

O decreto publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia producirá efectos desde mañá
 

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2024.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto do cambio de titularidade a prol do Concello do Carballiño de distintos treitos en tres estradas autonómicas ao seu paso polo municipio. 

En concreto, trátase da estrada OU-172, de 780 metros de lonxitude que discorre entre a N-541 e o quilómetro 27+670 da OU-902; e dos treitos antigos da OU-902, denominados OU-171 e OU-173, na Esgueva, e na Veiga, de 1.057 e 680 metros de lonxitude, respectivamente. 

A Xunta mantén a titularidade dos nós de conexión da OU-172 e dos treitos antigos da estrada OU-171 e da OU-173 coa estrada OU-902. 

Na seguinte ligazón ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta do pasado 21 de decembro: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240108/AnuncioG0533-281223-0002_es.html

A transferencia destes treitos tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade como competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas. 

Coa publicación hoxe do decreto de cambio de titularidade no Diario Oficial de Galicia, o Concello do Carballiño terá a competencia para actuar nestes treitos e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento. 

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación, é dicir, desde mañá.

Data de actualización: 08/01/2024