O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria de unidades formativas que prevén cualificar máis de 3.000 persoas desempregadas

A Xunta de Galicia destina 8 millóns de euros ao financiamento destas actividades que inclúen un compromiso de contratación de polo menos o 40% dos participantes

Poden solicitar os apoios as empresas interesadas desde mañá ata o 30 de setembro

A iniciativa enmárcase no Plan Galego de Formación para o Emprego que ten un orzamento en 2024 de 117 millóns de euros

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha convocatoria de axudas para que empresas cualifiquen máis de 3.000 persoas desempregadas en 2024 a través dunhas 290 accións con compromiso de contratar polo menos ao 60% do alumnado entre seis e doce meses e ao 40% no caso de relacións laborais de maior duración.

A Xunta de Galicia destina 8 millóns de euros a financiar estes apoios, aos que poden optar empresas, soas ou agrupadas temporalmente, ou que sexan entidades e titulares de centros inscritos para impartir formación profesional para o emprego na comunidade.

As accións formativas con compromiso de contratación estarán dirixidas a persoas traballadoras desempregadas e impartiranse en modalidade presencial ata o próximo 29 de novembro de 2024.

Para accederen ás unidades formativas, as alumnas e alumnos deberán estar rexistrados como demandantes no Servizo Público de Emprego de Galicia e non estar ocupados na data de inicio dos cursos. Poden obviar este trámite as persoas mozas inscritas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, tamén potenciais beneficiarias da cualificación.

A contía das achegas que se concederán ás entidades calcularase en función do custo da formación na especialidade impartida, da duración en horas e do número de participantes previstos. A presente convocatoria inclúe a posibilidade de impartir novos módulos transversais de manipulador de alimentos e o básico de prevención de riscos laborais.

O prazo de presentación de solicitudes abrirase mañá e permanecerá vixente ata o próximo 30 de setembro.

Con esta liña de axudas o Goberno galego promove a mellora da empregabilidade da cidadanía, á vez que contribúe a adaptar a cualificación das persoas traballadoras para favorecer a competitividade do tecido produtivo.

O programa insírese no Plan Galego de Formación para o Emprego, dotado para o ano 2024 con 117 millóns de euros para impulsar unha formación dual e flexible, axustada ás necesidades do tecido produtivo.

 
Ligazón á orde no DOG:
 

Data de actualización: 08/01/2024