A Xunta licita por 156.000 € o servizo de actividades de sensibilización e divulgación nas aulas da natureza de Siradella e O Veral durante os próximos 3 anos

As accións previstas, que se desenvolverán principalmente nas propias instalacións pero tamén en centros educativos, socioculturais ou sedes doutras entidades, teñen como fin difundir os valores da Rede Natura 2000 e dos espazos protexidos entre a cidadanía

Santiago de Compostela, 6 de xaneiro de 2024

A Xunta licitou esta semana por un orzamento inicial de 156.827,06 euros, IVE incluído, o servizo para a elaboración e execución de campañas e actividades divulgativas, de sensibilización e de concienciación ambiental a través das aulas da natureza de Siradella, no Grove, e O Veral, en Lugo.

Cunha vixencia de tres anos —2024, 2025 e 2026— aínda que prorrogable por outro exercicio máis, o obxecto principal deste contrato é contribuír a difundir os valores propios da Rede Natura 2000 e dos espazos naturais protexidos da Comunidade así como da biodiversidade e dos diferentes tipos de hábitats que albergan.

Deste xeito, nestas dúas aulas da natureza, os escolares e grupos organizados que asistan a algunha destas actividades poderán experimentar accións educativas ambientais que teñen como obxectivo fomentar o interese e curiosidade por descubrir e coñecer a contorna, proporcionando para elo materiais e instrumentos adecuados que faciliten e motiven a aprendizaxe e o coñecemento dos espazos protexidos.

En todo caso e aínda que as actividades se desenvolverán principalmente nas propias instalacións de Siradella e O Veral, o contrato tamén prevé que ambas aulas teñan unha proxección didáctica fóra do seu espazo.

A tal fin resérvase para o período de vixencia do contrato unha bolsa de 300 horas en cada unha delas para este tipo de actuacións, que incluirán desprazamentos a centros educativos, socioculturais ou sedes doutras asociacións e entidades interesadas na materia e pertencentes aos concellos do Grove e de Lugo ou a outros puntos de Galicia.

Segundo consta na memoria xustificativa, o equipo técnico necesario para prestar o servizo deberá estar integrado, como mínimo, por catro persoas: dous técnicos especialistas e dous monitores ambientais.

Función das aulas da natureza

O patrimonio natural e a biodiversidade desempeñan unha función social salientable pola súa estreita relación coa saúde e o benestar das persoas, e pola contribución que fan tamén ao desenvolvemento social e económico de Galicia.

Co fin de potenciar esta función, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda exerce as competencias de divulgación dos valores do patrimonio natural a través das aulas da natureza situadas en espazos naturais protexidos ou áreas amparadas baixo algún instrumento internacional, organizando desde elas actividades de sensibilización e campañas de comunicación.

Estas instalacións melloran a oferta de uso público deste tipo de espazos e contribúen ao desenvolvemento de condutas e actividades positivas orientadas á conservación do medio ambiente, xa que nelas se fomenta a sensibilidade, a creatividade e a capacidade dos visitantes para valorar o medio ambiente.

Data de actualización: 06/01/2024