Arias visita as instalacións da empresa Oviganic Ibérica en Monforte, que dá emprego a preto dun centenar de traballadores

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, informou que o DOG publica hoxe a convocatoria de axudas para a transformación e comercialización de produtos agrarios á que destina 30M€

Monforte de Lemos (Lugo), 5 de xaneiro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de axudas da Consellería do Medio Rural para financiar investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios. O orzamento total é de 30 millóns de euros.

Así o explicou hoxe o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, durante unha visita ás instalacións de Oviganic Ibérica en Monforte de Lemos, onde defendeu a importancia de que o elo da transformación aposte como o está a facer esta empresa por xerar valor engadido ás producións das explotacións gandeiras da zona, en especial as do sector lácteo.

Arias coñeceu o resultado da ampliación desta entidade para implantar novas liñas de fabricación con leite de cabra e ovella, ademais do de vaca. Nese sentido, reiterou a necesidade de seguir apostando polos procesos de transformación, que permiten darlle valor engadido ás producións en xeral e ao leite en particular.

No tocante á convocatoria que publica hoxe o DOG, o obxectivo é incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios. O prazo de presentación de solicitudes para subvencións desta convocatoria será dun mes contado a partir do vindeiro luns, día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/01/2024