O avance nas obras da nova senda na avenida das Caldas en Ourense fará necesarios axustes no tráfico desde a vindeira semana

Os traballos comezaron o 11 de decembro na rúa Ribeiriño e continuarán esta semana na propia avenida das Caldas, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan

As actuacións implican a ocupación dun dos carrís, polo que o tramo afectado da avenida quedará aberto só en sentido de baixada, de acordo co consensuado co Concello

Para facilitar a mobilidade nesta área, disporase unha glorieta provisional na intersección da rúa Eulogio Gómez Franqueira coas avenidas de Marín e das Caldas

As obras enmárcanse na execución da senda que unirá a intermodal e a Ponte Romana, que suporán a humanización integral da avenida das Caldas

Este treito forma parte dun itinerario de 5,1 km que conectará os principais equipamentos da cidade, de norte a sur

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro

O avance nas obras da nova senda na avenida das Caldas en Ourense fará necesarios axustes no tráfico desde a vindeira semana. 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou o 11 de decembro a execución deste itinerario que comunicará a estación intermodal coa Ponte Vella e que supón un investimento de 1,2 M€. 

Os traballos comezaron na rúa Ribeiriño e continuarán esta semana na propia avenida das Caldas, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan. 

Estas actuacións implican a ocupación dun dos carrís, polo que o tramo afectado da avenida quedará aberto só en sentido de baixada, de acordo co consensuado co Concello de Ourense. Non obstante, manteranse os sentidos de circulación das rúas colindantes. 

Para facilitar a mobilidade nesta área, disporase unha glorieta provisional na intersección da rúa Eulogio Gómez Franqueira coas avenidas de Marín e das Caldas. A rotonda permitirá todos os xiros para mellorar os movementos neste barrio.  

Estas modificacións na circulación son necesarias para avanzar nas intervencións previstas, que se centrarán no primeiro tramo da beirarrúa dereita en sentido de baixada, desde a estación ata o parque da Ponte.  

En primeiro lugar, substituiranse as canalizacións de fibrocemento por outras novas de PVC, logo reporanse outros servizos e finalmente procederase á pavimentación da beirarrúa en formigón. 

As obras da senda que se vai executar entre a intermodal e a Ponte Romana suporán a humanización integral da avenida das Caldas, para convertela en porta de entrada á cidade, tendo en conta que a senda parte da estación intermodal. Así, mellorarase a mobilidade peonil e ciclista nun treito que coincide, ademais, coa Vía da Prata, polo que tamén se contribuirá á dinamización do Camiño.

Intervirase ao longo de 600 metros, entre a estación intermodal e a Ponte Romana, habilitando beirarrúas máis anchas e carril bici, gañando espazo para as persoas e reducindo a circulación do tráfico rodado a un carril, en sentido baixada, que se dotará, pola marxe dereita, de aparcadoiro, paradas de autobús e zonas de carga.

Tamén se ampliarán e se renovarán as beirarrúas, procurando un ancho mínimo de 2 metros na marxe dereita en sentido baixada e de entre 3 e 5 metros pola marxe esquerda, que é a que coincide co Camiño de Santiago.

Esta senda forma parte do itinerario que conectará Ourense de norte a sur a través de 5,1 km de traxecto.

Data de actualización: 07/01/2024