A Xunta habilitará desde o luns paradas en dúas liñas de autobús ao paso por Tarás e San Lourenzo, en Outes, co fin de mellorar os servizos de transporte público na contorna

A liña A Picota-Pino do Val-Viladomonte-Noia contará con paradas en Barreira e Tarás e a liña Pino do Val-Noia terá paso por Famelga e San Lourenzo

Estas adaptacións, que facilitarán a mobilidade dos usuarios xerais e dos estudantes cara ao centro de ensino, permitirán manter os tempos establecidos para estas rutas

Santiago de Compostela, 6 de xaneiro de 2024

A Xunta habilitará desde este luns día 8 novas paradas nas liñas de autobús ao paso por Tarás e San Lourenzo, no concello de Outes, co fin de mellorar os servizos de transporte público.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, con esta medida, dá resposta ás demandas do Concello de Outes e facilita a mobilidade, tanto dos veciños, en xeral, como dos estudantes, en particular, que se desprazan desde estes núcleos cara ao seu centro de ensino.

As liñas nas que se realizarán as melloras son A Picota-Pino do Val-Viladomonte-estación de autobuses de Noia; e Pino do Val-estación de autobuses de Noia. Na primeira, incorporaranse novas paradas en Barreira e Tarás e na segunda liña, a ruta terá paso por Famelga e San Lourenzo. 

Estes axustes permitirán garantir o mantemento dos tempos establecidos para as rutas e da duración das viaxes, de 46 e 39 minutos respectivamente, cumprindo coa planificación dos desprazamentos dos usuarios. 

A Xunta vén realizando un seguimento constante do funcionamento do transporte público e atendendo as necesidades cambiantes dos cidadáns para proporcionar uns servizos eficientes que favorezan os desprazamentos dos viaxeiros.

A información relativa a estes servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Data de actualización: 06/01/2024