Mañá abre o prazo de solicitude e descarga do Bono Deporte para empregar en máis de 700 establecementos comerciais e entidades deportivas

A cidadanía pode consultar a información sobre os pasos para a realización da descarga do bono ou a listaxe das entidades adheridas ao programa na web bonodeporte.gal

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2024

Mañá abre o prazo para que as familias con nenos e nenas de 6 a 16 anos con licenza federada ou do Programa Xogade poidan descargar o Bono Deporte. As solicitudes poderán realizarse ata o 29 de febreiro e os bonos descargados poderán empregarse ata o 1 de xullo.  

Trátase dun sistema que funciona a través dunha aplicación móbil, de maneira que o importe de 120 euros de cada bono contará cun desconto do 80% en cada compra ou servizo adquirido e irase consumindo en función do valor da compra. 

O Bono Deporte avanza no cumprimento dos tempos previstos tras rematar o pasado martes, 2 de xaneiro, o período de adhesión de establecementos comerciais ou entidades prestadoras de servizos á campaña con máis de 700 entidades.

A listaxe está dispoñible na web bonodeporte.gal, na que tamén se recolle toda a información sobre o procedemento a seguir para poder realizar desde mañá a descarga dos bonos. Así, o primeiro paso consiste en darse de alta nesa web e, unha vez recibido un SMS de validación, xa se poderá activar e descargar o bono en formato dixital a través dun código QR.

Cada beneficiario disporá como máximo dun único bono por menor que se poderá descontar amosando o código QR no momento do pago nos establecementos comerciais e entidades deportivas ou prestadoras de servizos adheridos á iniciativa que estarán identificados ademais cun distintivo da campaña. A entidade accederá á aplicación que, sobre o importe total, validará e calculará o prezo final co desconto. Deste xeito, a plataforma rexistra e desconta o bono e actualiza o wallet do cliente.

Cómpre lembrar que a cidadanía pode empregar tamén o enderezo electrónico bonodeporte@xunta.gal para trasladar as súas dúbidas e suxestións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/01/2024