A Xunta incorpora ao Calendario do Libro e a Lectura o Día da biblioteca móbil e a homenaxe a Torrente Ballester

Actualízanse tamén o Día da Ilustración con Chichi Campos, o Día das Artes Galegas con Francisco Asorey e o Día das Letras Galegas con Luisa Villalta

Obra da ilustradora Paula Mayor, o obxectivo desta iniciativa é impulsar entre a cidadanía as actividades culturais arredor das 32 principais efemérides
 

Santiago de Compostela, 6 de xaneiro de 2024

A Xunta incorpora este ano ao Calendario do Libro e da Lectura de Galicia o Día da biblioteca móbil e unha data de homenaxe a Gonzalo Torrente Ballester. Así o explica o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, tras o lanzamento do almanaque, obra da ilustradora Paula Mayor.

O novo calendario conmemora os 25 anos do pasamento do escritor Gonzalo Torrente Ballester (27 de xaneiro) para “dar relevancia a esta figura destacada da cultura en Galicia”, salienta Anxo M. Lorenzo. Así mesmo, inclúese outra nova conmemoración, en concreto o Día da biblioteca móbil (28 xaneiro) tras o éxito de A furgoteca, “o novo servizo posto en marcha pola Xunta no rural galego en 2023 e que percorre as provincias de Lugo e Ourense para achegar a cultura a todos os seus recunchos”, engade.

Deste xeito, o calendario deste 2024 conta con 32 citas co que a Xunta de Galicia quere impulsar a realización de actividades arredor das principais datas vencelladas a este ámbito e facilitar a súa planificación anual. Trátase, ademais, dunha iniciativa enmarcada na Lei do libro e da lectura de Galicia, que establece a elaboración deste calendario para fomentar a lectura e a normalización da presenza do libro en todos os sectores da sociedade.

Este ano, o Día das Letras Galegas (17 de maio) rende homenaxe a Luisa Villata, mentres que o Día das Artes Galegas (1 de abril) homenaxeará a Francisco Asorey e o Día da Ilustración (30 de xaneiro) a Chichi Campos.

Programación mensual

A primeira das citas celebrarase a vindeira semana nas bibliotecas galegas, nas que o xoves 11 se conmemorará o Día do usuario. Durante o mes de xaneiro, terán lugar as homenaxes a Torrente Ballester e a Chichi Campos, así como Día das bibliotecas móbiles.

 

En febreiro, celebrarase o Día da lingua materna (mércores 21) e o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro (venres 23), mentres que en marzo as actividades centraranse no Día do cómic (domingo 17), no da narración oral (mércores 20), o da poesía (xoves 21) e o do teatro (mércores 27).

Abril arrincará co Día das Artes Galegas, seguido do Día do libro infantil e xuvenil (martes 2), do libro (martes 23), e da propiedade intelectual (venres 26). En maio, ademais das Letras Galegas, celebrarase o Día da liberdade de prensa (venres 3), o Día dos museos (sábado 18) e o da diversidade cultural (martes 21). Pola súa banda, o 9 de xuño recordarase a importancia dos arquivos coa celebración do seu día.

Xa no verán, as accións conmemorativas xirarán arredor do libro electrónico (xoves 4 de xullo), da comprensión lectora (venres 26 de xullo), da alfabetización (domingo 8 de setembro) e o Día europeo das linguas (xoves 26 de setembro).

O Día da tradución (luns 30 de setembro) será a primeira cita do outono, ao que seguirán o Día das escritoras (mércores 16 de outubro) e o das bibliotecas (xoves 24 de outubro).

Novembro estará cargado de actividades coa celebración do Mes da ciencia en galego nas bibliotecas, o Día da preservación dixital (sábado 2), o Día da lectura (domingo 3), coincidindo co aniversario do nacemento de Xosé Neira Vilas; o Día das librarías (luns 11) e o Día do patrimonio cultural (sábado 16). Pechará o calendario o Día da edición e aniversario do nacemento de Ánxel Casal, o martes 17 de decembro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/01/2024