A Xunta convoca axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, dotadas cun total de 30 M€

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta orde da Consellería do Medio Rural, a cal busca incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia e destinadas a tal fin
 

O prazo de presentación de solicitudes para subvencións desta convocatoria será dun mes contado a partir de mañá, mentres que o prazo para solicitar préstamos garantidos finalizará o 29 de marzo deste ano

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan este ano un total de 30 millóns de euros en axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios. Estas achegas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Así, a orde busca incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios. No caso das subvencións, consistirán en axudas para a execución deses proxectos, mentres as garantías para préstamos consistirán en garantías do 80% do risco inherente a cada empréstito formalizado destinado a financiar os investimentos.

O prazo de presentación de solicitudes para subvencións desta convocatoria será dun mes contado a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Mentres, o prazo para solicitar préstamos garantidos finalizará o 29 de marzo deste ano. Porén, os solicitantes terán un prazo de tres meses para presentar a preceptiva licenza de obras no caso de que o investimento inclúa a construción de novas superficies cubertas ou a ampliación das existentes.

Posibles beneficiarios

Poden optar a estas achegas os empresarios individuais ou sociedades que realicen actuacións como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, así como a compra de terreos ata un valor inferior ao 10% do total dos gastos subvencionables. Tamén se sufragará a compra de maquinaria e equipamentos novos, a adquisición de programas informáticos e de patentes ou licenzas relacionadas cos procesos produtivos.

Do mesmo xeito que en pasadas convocatorias, concederáselle a máxima puntuación no apartado de beneficio a produtores dos criterios de valoración ás cooperativas agrarias galegas ou ás sociedades participadas maioritariamente (máis do 50%) por cooperativas agrarias galegas ou por asociacións e organizacións de produtores da nosa comunidade.

 
Ligazón á orde no DOG:

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/01/2024