A Cátedra do Camiño de Santiago impulsa unha investigación sobre a imaxe das rutas xacobeas na prensa francesa e española nos últimos 30 anos

O traballo, en fase preliminar, é do investigador Manuel Seco e conta cun corpus de case 400 textos que configuran a percepción das peregrinaxes transmitida nos dous países

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2024

A Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, froito da colaboración entre a Universidade de Santiago e Turismo de Galicia, vén de impulsar unha nova investigación que analiza a percepción das rutas xacobeas transmitida pola prensa francesa e española nos últimos 30 anos.

O traballo está nestes momentos nunha fase preliminar e é obra do investigador Manuel Seco Lamas, que vén de recompilar case 400 documentos publicados na prensa escrita española e francesa que teñan como tema principal os Camiños de Santiago e/ou o Xacobeo entre os anos 1992 e 2022.

Segundo indica o investigador, da lectura preliminar e inicial destes textos, despréndese que o termo peregrino se aplica de xeito máis amplo na prensa española que na francesa, aplicándose aquí a calquera persoa que realiza o Camiño de Santiago, sexa por razóns relixiosas, culturais ou de calquera outra índole, mentres que na prensa francesa a palabra aparece asociada sempre á relixión e espiritualidade.

 

O estudo da prensa, permitirá coñecer algo máis de como se forma a Imaxe do Camiño de Santiago entre quen peregrina desde terras hispanas e galas.  Así mesmo, coa consulta das cabeceiras locais poderase ver como o tratamento das noticias sobre o Camiño é distinto nas comunidades polas que pasa a ruta xacobea que naquelas nas que esta queda máis lonxe.

Tese de doutoramento

Os resultados do estudo deste corpus forman parte da tese de doutoramento de Manuel Seco Lamas na Universidade de Toulouse II Jean Jaurès e que leva por título Los caminos de Santiago de Compostela en Europa: misterios de una revitalización (1993-2022). Na terceira parte desta tese preténdese analizar a evolución semántica dos Camiños de Santiago e da figura do ‘peregrino’ na prensa escrita: unha evolución ou “resemántica” que contribúe á configuración da imaxe social, inconsciente e turística do fenómeno xacobeo nos dous países.

Data de actualización: 04/01/2024