A Xunta publica no DOG a encomenda á empresa pública Seaga da reforestación das marxes da autovía do Morrazo, que suporá un investimento de máis de 1,5 M€

Os traballos, que comezarán na próxima primavera, inclúen a plantación nas marxes da autovía de 25.000 árbores autóctonas, como o castiñeiro, o carballo, o freixo, o bidueiro ou o sabugueiro
 

As actuacións abranguen a eliminación das especies invasoras, a dotación dunha cuberta vexetal, a repoboación con frondosas autóctonas e o posterior mantemento con rozas ou reposición de plantas
 

Esta intervención, que se realizará a modo de proxecto piloto, enmárcase na Estratexia de estradas verdes da Xunta
 

A iniciativa ten como obxectivos incidir na protección fronte aos incendios, gañar en eficiencia na conservación e avanzar cara á neutralidade en carbono nas estradas

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2024

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a encomenda á Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) da reforestación das marxes da autovía do Morrazo, que suporá un investimento de máis de 1,5M€

O DOG publica esta encomenda da erradicación e control de especies pirófitas e invasoras, reforestación do dominio público viario e elaboración dun plan de prevención en materia de incendios, que se realizará como proxecto piloto na autovía do Morrazo. No seguinte enlace pódese ampliar a información desta resolución: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240104/AnuncioG0181-271223-0001_gl.html

Esta intervención, que forma parte da Estratexia de estradas verdes da Xunta, comezará a desenvolverse na vindeira primavera.

Trátase da plantación de 25.000 frondosas autóctonas nas marxes desta vía de altas prestacións, o que permitirá a absorción, ao final dun período de permanencia estimado de 35 anos, de 5.616 toneladas de CO₂.

Entre as especies autóctonas que se van plantar nas zonas de actuación, unha vez eliminadas as especies invasoras e preparada a superficie, atópanse o castiñeiro, a carballo, o freixo, o bidueiro, o abeleiro ou o sabugueiro.

De xeito máis detallado, en primeiro lugar procederase á eliminación das especies exóticas invasoras; logo, dotaranse as marxes desta autovía e os ramais dunha cuberta vexetal e finalmente, procederase á repoboación con especies de frondosas autóctonas.

Estas tarefas completaranse con traballos de mantemento e consolidación, cando menos, durante os 5 primeiros anos, que inclúen rozas, eliminación de rebrotes ou reposición de plantas.

Estratexia de estradas verdes

Este proxecto piloto na autovía do Morrazo enmárcase na Estratexia de estradas verdes do Goberno galego.

A iniciativa ten como obxectivos incidir na protección fronte aos incendios, gañar en eficiencia na conservación nas marxes das vías de titularidade autonómica e avanzar cara á neutralidade en carbono nas estradas.

As actuacións acometeranse en coordinación entre a Consellería de Infraestruturas e a Consellería do Medio Rural e tal como recolle o DOG, materializaranse coa encomenda á emprega pública Seaga, que xa vén realizando traballos de control da biomasa nas marxes das vías autonómicas.

 

Data de actualización: 04/01/2024