As urxencias pediátricas seguen a baixar e aumentan levemente as de adultos

 Nas últimas 24 horas os servizos de urxencias dos hospitais do Sergas atenderon 2.898 adultos e 624 pacientes pediátricos

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2024

A Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas segue coa avaliación diaria da situación dos servizos de urxencias dos centros hospitalarios e de atención primaria da rede sanitaria pública galega

Respecto dos datos referidos ao día de onte, 2 de xaneiro, nos hospitais públicos galegos atendéronse 2.898 urxencias de adultos, das que o 19,4 % ingresaron en planta. En canto aos pacientes pediátricos, atendéronse a 624, dos que 3,6 % ingresaron en planta. En total, o número de urxencias atendidas, adultos e de pediatría, foi de 3.522, o que supón un 1 % máis que o mesmo día do ano anterior (2023)

Seguen, por tanto, baixando as urxencias pediátricas e aumentan levemente as de adultos, respecto do día 1, no que se atenderan 2.153 urxencias de adultos e 635 de pediatría.

Todos os pacientes que acoden a urxencias son triados polo persoal de enfermería para determinar a gravidade que reviste o seu estado. Así, os datos da triaxe de onte, día 2 de xaneiro, arroxan uns datos que sitúan o 0,32 % dos pacientes na cor vermella (o de máis gravidade, risco vital, con atención inmediata), o 11,15 % de cor laranxa (moi urxentes e atendidos ao redor dos 20 minutos), o 37 % cor amarelo (urxentes, cunha hora de media de atención), o 37 % foron catalogados coa cor verde (menos urxentes, cunha atención en torno a dúas horas), o 0,87 % son casos azuis, non urxentes, cun tempo medio de atención de catro horas. Por último, está a cor branca, onte foi o 13,66 %, que tramitan procesos administrativos, a través do servizo de urxencias.

Remarcar, así mesmo, que descende a porcentaxe de nenos ingresados respecto da mesma data do ano pasado (4,85 % en 2023 e 3,6 % en 2024) e aumenta en preto dun 1 % a porcentaxe de ingresos en adultos (de 18,7 % en 2023 a 19,4 % en 2024).

Sinalar, así mesmo, que en Galicia, no día de hoxe, hai 925 persoas ingresadas por ou con gripe nos hospitais, dos que 47 están en UCI, sendo en planta 29 máis que onte e en UCI un máis.

Respecto da covid, hai na actualidade 173 persoas ingresadas por esta patoloxía, das que 9 están na UCI. Estes datos supoñen dez pacientes máis que onte en planta, sendo o da UCI o mesmo número.

Xunto ao anterior, sinalar que o Sergas ten activados nas súas sete áreas sanitarias os seus Plans de Continxencia para dar resposta a maior demanda asistencial desta época do ano, habilitando camas e reforzando os seus cadros de persoal.

Ademais, a Consellería de Sanidade recorda que a campaña da vacinación contra a gripe e a covid permanece aberta ata o 12 de xaneiro, e lembra a recomendación xeral do uso da máscara no conxunto de centros sanitarios de Galicia, e en calquera lugar cando a persoa tiña síntomas de infección respiratoria.

Data de actualización: 03/01/2024