A Xunta remata os traballos de acondicionamento implementados para a actividade agrogandeira na aldea modelo de Bustelo de Fisteus

A aldea modelo, situada no concello lucense de Quiroga, abrangue unha superficie de 14,15 hectáreas e nela prevese instaurar unha explotación de porco en extensivo

As actuacións realizadas inclúen o peche perimetral da zona e a instalación de comedeiros e bebedoiros, entre outros
 

Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2024

A Xunta de Galicia rematou os traballos de acondicionamento deseñados para desenvolver a actividade agrogandeira na aldea modelo de Bustelo de Fisteus, no concello lucense de Quiroga. Esta aldea, na que se prevé instaurar unha explotación de gando porcino en extensivo, abrangue unha superficie de 14,15 hectáreas distribuídas en 269 parcelas de 38 titulares catastrais.

Neste sentido, traballouse na zona para realizar unha serie de actuacións para poñer a punto os terreos. Construíuse un peche para delimitar o perímetro da aldea modelo e instaláronse comedeiros, bebedoiros e unha manga de curral, ademais doutras instalacións auxiliares como un pastor eléctrico solar recargable. Para executar estes traballos, o Goberno autonómico realizou un investimento de algo máis de 157.000 euros.

Ademais, poñendo o foco no benestar dos futuros animais da explotación, instaláronse dous dormitorios. Ambos foron construídos con madeira de piñeiro, co obxectivo de minimizar ao máximo posible o impacto que poden ter este tipo de estruturas no entorno e a paisaxe.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/01/2024