A Xunta remata a execución de tres pasteiros no concello lucense de Triacastela, cun orzamento total de máis de 240.000 euros

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, supervisou o fin das obras realizadas nas parroquias da Balsa, San Breixo e de Cancelo para, a través do pastoreo, contribuír á prevención de incendios

Os pasteiros abranguen unha superficie total de preto de 27 hectáreas e, para a súa posta en marcha, leváronse a cabo diferentes traballos no terreo e construíuse un peche con postes de madeira de castaño
 

Triacastela (Lugo), 30 de decembro de 2023

A Xunta investiu un total de 242.405,97 euros para a creación de tres pasteiros na localidade lucense de Triacastela, concretamente nos montes veciñais de man común da Balsa e San Breixo, na parroquia da Balsa; e Cancelo, na parroquia homónima. O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou a zona para supervisar o fin das actuacións, enmarcadas no Plan de Pastos de Galicia, acompañado pola alcaldesa da localidade, Olga Iglesias.

Os pasteiros abranguen unha superficie total de 26,76 hectáreas, correspondentes a 9,86 ao da Balsa, 9,89 ao de San Beixo e 7,01 ao de Cancelo. Para a súa posta en marcha leváronse a cabo traballos no terreo, entre eles de roza, pases de grada pesada, retirada de pedras, fertilización e sementeira, entre outras. Ademais, construíuse un peche de 500 metros, no caso de Cancelo, e de 2.133 metros lineais, na Balsa, con postes de madeira de castiñeiro. Ademais, no de San Breixo acometeuse o arranxo en 905 metros dun camiño e colocouse unha manga de manexo móbil.

O principal obxectivo de todos estes labores é o de fomentar a gandería en extensivo na zona, ao mesmo tempo que tamén se actúa na prevención de incendios forestais coa actividade de pastoreo.

Neste senso, búscase promover un mellor aproveitamento dos recursos naturais para traballar na anticipación aos incendios forestais e, sobre todo, garantir a rendibilidade das explotacións, ao facilitarlles máis base territorial e proporcionarlles novas ferramentas para xerar oportunidades de riqueza no rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/12/2023