A Xunta achega en Ferrol a ciencia e a tecnoloxía ao público familiar a través do cine

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, asistiu esta mañá á segunda sesión de cine e show científico no CIS Tecnoloxía e Deseño

Esta actividade enmárcase no programa D´tec de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas no eido da innovación, a tecnoloxía e o deseño
 

Ferrol, 29 de decembro de 2023

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, asistiu esta mañá á segunda sesión de cine e show científico de Nadal organizada no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol. Nesta ocasión, proxectouse a película de animación Robots e, a continuación, celebrouse unha charla que analizou o seu contido -a innovación tecnolóxica, a intelixencia artificial e a robótica- desde un punto de vista científico dun xeito ameno e didáctico, a través de experimentos e reflexionando sobre a importancia da ciencia e da tecnoloxía para a sociedade.

A directora de Gain apuntou que esta actividade destinada a un público familiar busca achegar a ciencia, a tecnoloxía e a innovación á cidadanía dun xeito atractivo, cun formato que permita aos asistentes gozar dunha experiencia de comunicación científica innovadora, apta para todos os públicos e gratuíta.

Argerey lembrou que esta actividade inscríbese no obxectivo de fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre a infancia e a mocidade galega a través de programas como o D´tec, co que se achega á sociedade o mundo da innovación, a tecnoloxía e o deseño desde un enfoque atractivo e didáctico. Este programa inclúe talleres, espectáculos, campamentos e proxectos para a aula. Dentro deste programa enmárcase tamén o campamento científico que se celebrou esta semana no CIS Tecnoloxía e Deseño, ao que asistiron preto de 40 rapaces e rapazas que hoxe recibiron os diplomas de participación.

Data de actualización: 29/12/2023