O presidente asinou o convenio co alcalde de Ferrol, José Manuel Rey

Rueda destaca o proxecto “Abrir Ferrol ao Mar” como medio para recuperar a fachada marítima da cidade

O acordo está presupostado en un investimento conxunto de 11M€

O proxecto busca crear unha franxa de tránsito para peóns e ciclistas de 10 quilómetros de lonxitude

As obras desenvolveranse en tres treitos, desde Ferrol Vello ata Caranza

Ferrol, 29 de decembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou o proxecto “Abrir Ferrol ao Mar” como medio de recuperación da fachada marítima da cidade. Fíxoo durante a sinatura do convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Ferrol para este proxecto. 

Trátase dun acordo de investimento conxunto de 11 millóns de euros para a creación dunha franxa de tránsito para peóns e ciclistas de 10 quilómetros de lonxitude continuados. As intervencións proxectadas contribuirán á mellora estética e paisaxística e, ademais, redundarán especialmente na optimización da mobilidade, ao configurar un itinerario funcional e sostible. Desta forma, poderanse incrementar as zonas verdes do ámbito portuario, incorporar novas sendas peonís e carrís polos que ir en bicicleta e obter máis prazas de aparcamento. 

As actuacións desenvolveranse en tres treitos en barrios e espazos diferentes da cidade, desde Ferrol Vello ata Caranza, que funcionarán de xeito complementario. O primeiro treito abrangue parte de Curuxeiras e chega ata o inicio da avenida de Esteiro, cunha actuación que desenvolverase ao longo dunha vía de 1,4 km de lonxitude. Darase continuidade ao carril bici que está en construción, crearanse itinerarios e espazos peonís accesible, reordenaranse as prazas de estacionamento e disporase un aparcadoiro disuasorio.  

No segundo treito actuarase para mellorar a contorna do Arsenal e dos estaleiros no barrio de Esteiro ao longo de 600 metros de lonxitude. Nela realizarase conexión co carril ciclista da avenida de Esteiro, creando un itinerario peonil e ciclista que conecte puntos estratéxicos da cidade, e construirase un estacionamento disuasorio de 200 prazas.

E no terceiro treito, na zona de Caranza e Telleiras, as actuacións propostas sumaríanse ás que se están desenvolvendo ao longo da avenida das Pías polos ensanches, Esteiro, Telleiras e Caranza. Prevese reordenar e conectar os itinerarios peonís e proxéctase a construción de estacionamentos disuasorios con capacidade para 100 vehículos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/12/2023