O Sergas publica a convocatoria de 43 prazas da categoría de auxiliar da función administrativa para persoas con discapacidade intelectual

Os aspirantes poderán inscribirse para participar no concurso-oposición desde o 30 de decembro, e ata o luns 29 de xaneiro

O Servizo Galego de Saúde conta con máis dun cento de persoas con discapacidade e emprego fixo
 

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2023

O Servizo Galego de Saúde publicou esta semana, no Diario Oficial de Galicia, a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de auxiliar da función administrativa para persoas con discapacidade intelectual.

A convocatoria inclúe prazas da oferta do ano 2021 e prazas incluídas no Decreto de oferta do ano 2023, publicado o pasado 7 de decembro no Diario Oficial de Galicia, cun total de 43 prazas, 11 para promoción interna de profesionais do Sistema Público de Galicia con discapacidade intelectual e 32 para quenda libre de discapacidade intelectual.

Toda a información deste proceso estará dispoñible na páxina web do Servizo Galego de Saúde, no apartado OPE23.

Realízase por primeira vez convocatoria pola quenda de discapacidade intelectual na categoría de auxiliar da función administrativa no Sistema sanitario público de Galicia, que xa ten incorporado persoas con discapacidade intelectual nas categorías de pinche e técnico/a en farmacia, celador, persoal de servizos xerais e técnico/a en coidados auxiliares de enfermería, cuxo obxectivo é facilitar a integración laboral deste colectivo e permitir o seu exercicio profesional coa incorporación ás distintas áreas das institucións sanitarias do Sistema Público de Saúde de Galicia.

Trátase do primeiro proceso no que se reservan prazas de discapacidade intelectual para a quenda de promoción interna, tendo en conta que o cadro de persoal xa inclúe a traballadores con discapacidade intelectual que levan anos traballando no Servizo Galego de Saúde, garantindo así o dereito á promoción interna de todos os traballadores.

Por outra parte, a convocatoria inclúe medidas de protección contra a violencia de xénero, en aplicación do Decreto de oferta do ano 2023, prevendo que as aspirantes que acrediten ser vítimas de violencia de xénero ou violencia sexual, poidan solicitar protección mediante a pseudonimización dos seus datos identificativos en calquera das fases do proceso selectivo, presentando a solicitude ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde.

Así mesmo, as aspirantes definitivamente seleccionadas que teñan a condición de vítimas de violencia de xénero ou de violencia sexual, poderán solicitar a alteración da orde de prelación para a elección de destino, aos efectos de que se lles asigne un destino que favoreza a súa protección e garanta o dereito á asistencia social.

Toda a información deste proceso estará dispoñible na páxina web do Servizo Galego de Saúde, no apartado OPE 2023. As persoas interesadas poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas co proceso ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es

Desta forma, continúa a progresión do número de prazas reservadas nos últimos anos polo Servizo Galego de Saúde para as persoas con discapacidade. Desde a primeira convocatoria levada a cabo no ano 2018, o Sergas conta con máis dun cento de persoas con discapacidade e emprego fixo, entre os que se inclúen: celadores, Técnico en Cuidados Auxiliares de Enfermería (TCAE), pinches ou técnicos de farmacia.

Data de actualización: 30/12/2023