O DOG publica unha ampliación de crédito de 2,1 M€ nas axudas para financiar os 3.500 postos laborais dos 130 centros especiais de emprego de Galicia

Con este incremento, aténdense o 100% das solicitudes das axudas deste programa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con que se promove a creación, ampliación, mantemento e adaptación dos postos de traballo nos Centros Especiais de Emprego (CEE) rexistrados

O orzamento final alcanzará os 12 millóns de euros para financiar as actuacións correspondentes aos meses de xullo a novembro, completando, así, os apoios autonómicos para este fin da anualidade 2023

No mes de xaneiro está prevista a publicación da nova orde de axudas por 25,7 millóns de euros para sufragar as accións comprendidas entre decembro de 2023 ata novembro de 2024

O DOG acaba de publicar tamén un aumento de máis de 180.000 euros na orde coa que se apoia o emprego nas empresas de inserción laboral e as súas entidades promotoras para dar resposta ao 100% das solicitudes
 

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) acaba de publicar unha ampliación de crédito de máis de 2,1 millóns de euros na orde de axudas coa que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade promove a integración laboral das persoas con discapacidade. Así, o programa de apoios contará finalmente con 12 millóns de euros, o que permitirá atender o 100% das solicitudes presentadas e, polo tanto, financiar os 3.500 postos laborais dos 130 centros especiais de emprego (CEE) que constan no Rexistro Administrativo da Comunidade.

Con este programa, que se publicou co crédito inicial en agosto, fináncianse as axudas correspondentes aos meses de xullo a novembro dirixidas a promover a creación, ampliación, mantemento e adaptación dos postos de traballo. En xaneiro publicarase unha nova orde de apoios por valor de 25.750.000 euros coa que se financiará esta actuación entre os meses de decembro de 2023 ata novembro de 2024.

Esta iniciativa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que agora inclúe unha ampliación no crédito, inclúe tres liñas de axuda: a primeira, para o mantemento do custo salarial nos CEE; unha segunda para financiar as unidades de apoio á actividade profesional; e, unha terceira, que promove a creación de postos estables para persoas con discapacidade e a adaptación de postos nestes centros.

Con esta acción, o Goberno galego está a favorecer a integración laboral de persoas con discapacidade no sistema produtivo a través dos centros especiais de emprego, un mecanismo que pode servir de tránsito ao seu paso ao mercado ordinario de traballo.

Empresas de inserción laboral

Doutra banda, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou tamén outro incremento orzamentario de máis de 182.000 euros destinado ao programa de axudas co que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade apoia a formación e a contratación de persoas en risco de exclusión social en empresas de inserción laboral e a súas entidades promotoras.

A iniciativa, en global, contará con máis de 1,4 millóns de euros para atender o 100% das solicitudes. En concreto, con esta acción, que se publicou este ano en febreiro e que agora amplía o seu investimento, sufráganse os custos salariais dos postos nestas entidades para contribuír a mellorar as oportunidades destas persoas con dificultade para traballar e para facilitar o seu camiño de acceso ao mercado laboral ordinario.

As empresas de inserción forman parte da economía social. Son sociedades mercantís ou cooperativas legalmente constituídas que, realizando calquera actividade económica de produción de bens e servizos, teñen por obxecto social a integración e formación sociolaboral de persoas en situación de exclusión social como paso previo ao seu tránsito ao emprego ordinario.

Este programa favorece a promoción de empregos estables e de calidade e impulsa a transición entre a formación de persoas en situación de risco ou exclusión social e a súa incorporación ao mercado laboral. A finalidade é obter un emprego que permita reforzar a situación económica das familias en situación de vulnerabilidade.

 

Data de actualización: 30/12/2023