O DOG publica a oferta de emprego público de 19 prazas de persoal funcionario sanitario
Con esta oferta, o departamento sanitario galego esgota a taxa máxima de reposición
O sistema selectivo será o de concurso-oposición
As prazas corresponden ás clases de inspector médico, licenciado en farmacia, psicoloxía, química, bioloxía e axudante técnico sanitario
Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2023
O Diario Oficial de Galicia, na súa edición de hoxe, publica a oferta da Consellería de Sanidade de 19 prazas de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria, relativa ao persoal sanitario funcionario incluído no ámbito da aplicación da Lei 17/1989 de creación de escalas do persoal sanitario.
Con esta oferta, o departamento sanitario galego esgota a taxa máxima de reposición de efectivos autorizada pola normativa orzamentaria, e reforza áreas prioritarias como son a inspección sanitaria e a saúde pública.
As prazas que oferta a Consellería de Sanidade corresponden ás clases de inspector médico (5), licenciado en farmacia (4), psicoloxía (2), química (3), bioloxía (2), e axudante técnico sanitario (3). Delas, unha praza de inspector médico e outra de licenciado en farmacia están reservadas para persoas con discapacidade.
O sistema selectivo será o de concurso-oposición e respectará os principios de libre concorrencia, igualdade, mérito e capacidade.
Os procesos selectivos que se deriven da execución do decreto aprobado este mes polo Consello da Xunta articularanse en cada clase a través dunha convocatoria que incluirá os distintos sistemas de acceso: libre, promoción interna e discapacidade.
Sanidade ten previsto que a execución dos procesos selectivos correspondentes a este decreto se acumulen con ofertas futuras para poder convocar un maior número de prazas.