Rematan as prácticas formativas de usuarios de Down Galicia en dependencias administrativas e centros de servizos sociais da Xunta

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, estivo hoxe con dous mozos que melloraron as súas capacidades e habilidades na residencia de maiores Porta do Camiño

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2023

Unha vintena de mozos e mozas con síndrome de Down rematan as prácticas formativas que fixeron en dependencias da Administración autonómica e centros de servizos sociais da Consellería de Política Social e Xuventude. Esta iniciativa enmárcase no convenio de colaboración asinado con Down Galicia para promover a inserción laboral das persoas con discapacidade en distintos puntos da nosa comunidade.

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón estivo hoxe con dous destes rapaces, que realizaron a súa formación na residencia de maiores Porta do Camiño, pertencente á rede pública autonómica. Trátase de Javier Prieto González e Marina Menéndez Fernández, que aprenderon xunto aos profesionais deste centro a desenvolverse como axudantes de cociña e de comedor.

O obxectivo desta iniciativa é mellorar as capacidades e habilidades destas persoas de cara á súa integración laboral. A directora xeral destacou a importancia de programas como este para seguir avanzando cara a plena inclusión e para que estas persoas gañen en autonomía, autoestima e confianza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/12/2023