A Xunta convoca por vez primeira unha liña de axudas específicas para a escrita de guións audiovisuais

O DOG publica as bases destas novas axudas, dotadas con 270.000€ para o financiamento de ata 30 proxectos orixinais ou de adaptacións literarias

O obxectivo é o fomento audiovisual desde a primeira fase do proceso creativo e darlle pulo ao traballo de guionistas tanto noveis como máis experimentados

Pódense presentar solicitudes ata o 29 de xaneiro de 2024

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia vén de publicar no  Diario Oficial de Galiciaa primeira convocatoria específica de axudas dirixidas á escrita de guións de ficción e animación orixinais ou a partir de obras literarias xa existentes, que teñan como destino a produción de longametraxes cinematográficas ou series para televisión. Esta nova liña de apoio ao sector está dotada con 270.000€ a distribuir entre un máximo de 30 proxectos en dúas modalidades segundo os perfís das persoas que os asinen.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades reserva nas bases que rexerán o procedemento 70.000 euros para proxectos de autoría novel (modalidade A) e 200.000 euros para autorías non noveis (modalidade B). Na primeira categoría poderán presentarse guións de longametraxes de ficción ou animación propostos por persoas físicas que, entre outros requisitos, poidan acreditar a súa vinculación previa coa realización dunha obra audiovisual ou formación académica no ámbito da creación ou produción audiovisual, ou ben a súa participación en cursos ou obradoiros relacionados coa creación audiovisual. Non poden figurar como directores/as ou guionistas de series nin asinar a autoría de máis de dúas longametraxes cualificadas na base de datos do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA).

Á segunda poderán optar persoas físicas (autónomas) de alta no epígrafe do IAE 864 no momento de presentar a solicitude e que acrediten ter participado como guionistas, cando menos, nunha longametraxe de ficción ou animación ou dunha serie de televisión.

Nos dous casos, as persoas solicitantes han de desenvolver a súa actividade habitual maioritariamente en Galicia e teñen de prazo de presentación ata o 29 de xaneiro de 2024 a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia.

As contías máximas por modalidade son de 7000 euros para os proxectos escritos por noveis e 10.000 euros para os proxectos de perfís máis experimentados, polo que a previsión é apoiar a escrita de 10 e 20 guións en cadansúa categoría, respectivamente.

Investimento na base do sector

O obxectivo desta nova liña de axudas é contribuír ao avance do audiovisual galego a partir dun investimento na base do sector, que está, en gran medida, na fase inicial de guión. Búscase así dar pulo a escritores novos e consolidar o apoio aos que xa teñen experiencia na escrita. Así, serán obxecto de axuda as escritas para longametraxes cinematográficas de ficción ou animación e series de ficción para televisión, de autoría galega, que permitan seguir impulsando un marco de actuación cultural do sector audiovisual baseado no apoio á creación de contidos de calidade con vocación internacional e a busca da excelencia nos produtos audiovisuais galegos.

A través destas axudas, convocadas en réxime de concorrencia competitiva e que se xestionarán a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, búscase promover a escrita de guións orixinais ou adaptacións literarias, en calquera dos dous idiomas oficiais de Galicia. Deste xeito, o Goberno galego quere que o sector audiovisual siga coa senda de éxitos e recoñecementos que vén amosando nos últimos anos.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/12/2023