A Xunta destina 300.000 euros á nova convocatoria anual de subvencións para festivais audiovisuais

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases desta liña de axudas para eventos estratéxicos que se celebren entre o 1 de novembro de 2023 e o 31 de outubro de 2024

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica  hoxe as bases da convocatoria de subvencións a festivais para o ano que vén, para a que a Xunta de Galicia destina 300.000 euros e consolida á tendencia á alza do investimento autonómico nos certames e mostras galegas do sector organizadas de xeito profesional.

A dotación desa liña de subvencións increméntase un 33% respecto a 2023, co que o Goberno galego ratifica o valor estratéxico que este tipo de certames teñen tanto no ámbito audiovisual como no conxunto das industrias culturais galegas, polo seu labor de dinamización e promoción de moi diferentes produtos e formatos audiovisuais e polo seu papel de altofalantes para a máis recente produción galega e os seus profesionais.

De feito, entre outros requisitos, a proposta de programación dos eventos subvencionables debe conter o cinco por cento de títulos ou cinco sesións de produción cinematográfica e/ou dirección galegas.

Estas axudas, en réxime de concorrencia competitiva, diríxense a asociacións, empresas e entidades locais organizadoras de festivais, certames, semanas ou mostras celebradas entre o 1 de novembro de 2023 e o 31 de outubro de 2024, sempre que conten cunha duración mínima de catro xornadas e, cando menos, 20 proxeccións, ademais de ter realizado un mínimo de tres edicións consecutivas nos anos inmediatamente anteriores. Para facilitar o seu financiamento, autorízase a exención da constitución de garantías para os pagamentos anticipados de máis de 18.000 euros ás entidades beneficiarias.

Solicitudes ata o 19 de xaneiro

Con esta convocatoria continúa o programa anual de subvencións ao sector audiovisual que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xestiona a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, despois da xa publicada para a escrita de guións.

O prazo de presentación ás axudas de festivais audiovisuais comeza mañá e estenderase ata o 29 de xaneiro de 2024 a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/12/2023