A Xunta recibe 10 ofertas de empresas para mellorar o firme de tres estradas ao paso polos municipios de Carballo, Cerceda, Tordoia, Santa Comba, Mazaricos, Muxía, Cee, Corcubión e Fisterra

As actuacións, licitadas por máis de 3,2 M€, levaranse a cabo na primavera nas vías autonómicas AC-440, AC-414 e AC-445

Os traballos comprenden o selado das fisuras e o recrecemento do firme con 5 centímetros de aglomerado nos tramos nos que xa contan cun firme consolidado

Nos treitos nos que se concentra un maior número de accesos a vivendas, aparcadoiros ou bordos, e naqueles nos que a rasante da vía se atope elevada, faranse fresados en todo o ancho do carril e reporase o aglomerado con outra capa de 5 centímetros de espesor

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu dez ofertas de empresas para executar as obras de mellora do firme nas estradas autonómicas AC-400, AC-414 e AC-445 ao seu paso polos municipios de Carballo, Cerceda, Tordoia, Santa Comba, Mazaricos, Muxía, Cee, Corcubión e Fisterra.

As intervencións, licitadas por 3,2 millóns de euros, prevén levarse a cabo na primavera.

De xeito xeral, os traballos de mellora do firme comprenden o selado das fisuras e o recrecemento do firme con 5 centímetros de aglomerado nos tramos nos que xa contan cun firme consolidado, onde non é preciso realizar unha actuación maior que puidese alterar a súa resistencia.

Naqueles treitos nos que se concentre un maior número de accesos a vivendas, aparcadoiros ou bordos, así como naqueles nos que a rasante da estrada se atope elevada por anteriores actuacións de reforzo do firme, faranse fresados de 5 centímetros en todo o ancho do carril e reporase o aglomerado con outra capa de 5 centímetros de espesor.

Destaca a mellora do firme que se levará a cabo na AC-400, que comunica Sigrás e Muros, e na estrada AC-414, que se corresponde co antigo vial Carballo-Buño, ao seu paso polo municipio de Carballo. A estas actuacións destinarase un investimento de 763.000 euros.

Neste caso, na AC-414 actuarase en toda a súa lonxitude, 3,63 quilómetros, para renovar completamente a capa de rodaxe e nas zonas máis deterioradas realizarase un fresado previo para saneo. A superficie de actuación supera os 25.000 metros cadrados.

A estrada AC-414 está constituída en Carballo por dous treitos antigos da estrada AC-418 e carecen de funcionalidade na rede autonómica de estradas, sendo o seu obxecto o acceso para os veciños dos núcleos da contorna e, polo tanto, tráfico local e non de carácter interurbano.

A Xunta acometerá a mellora do firme, á espera de que o Concello de Carballo conteste á solicitude que lle ten feito para que a administración local asuma a titularidade deses dous treitos, tendo en conta que se trata dunha vía con funcionalidade local que debe regularse conforme ás normas establecidas para as estradas municipais para mellorar ou seu servizo aos veciños.

A asunción da titularidade destes treitos permitiríalle ao Concello de Carballo xestionar a estrada como o que é a día de hoxe: unha vía eminentemente urbana e con tráfico local, o que redundaría en maior seguridade.

 

Data de actualización: 30/12/2023