O conselleiro do Mar reúnese coa confraría de Corcubión para abordar as necesidades en materia pesqueira e portuaria dos seus profesionais

Alfonso Villares enmarcou este encontro dentro da rolda de visitas que o seu departamento vén realizando para coñecer de xeito directo as demandas dos usuarios dos 122 peiraos autonómicos

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou esta mañá o porto do municipio coruñés de Corcubión para manter unha reunión institucional coa confraría e representantes do sector portuario da localidade. O representante do executivo galego estivo acompañado neste encontro polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez.  

Durante a súa visita o titular de Mar percorreu as instalacións da confraría e edificios portuarios, nomeadamente a lonxa e a nova nave de servizos portuarios impulsada pola confraría. O conselleiro enmarcou este encontro dentro da rolda de visitas que o seu departamento vén realizando para coñecer de xeito directo as necesidades e demandas dos usuarios dos 122 peiraos que conforman o sistema portuario autonómico.  

Neste sentido Alfonso Villares afondou posibilidades de mellora das condicións de traballo dos profesionais que operan no porto de Corcubión, así como tamén nos proxectos para o impulso ao sector da náutica recreativa como actividade de relevancia destacada no municipio.

Non en van, a día de hoxe, o porto de Corcubión acolle a máis dunha vintena de embarcacións profesionais que operan na zona así como a actividade do Club Marítimo Carrumeiro, un dos máis antigos de Galicia, que desenvolve, entre outras, actividades náutico deportivas con escolares de toda a Costa da Morte.

Algunhas das demandas que se trasladaron desde o sector pasan polo petición do asfaltado diante da lonxa por un desnivel e reparacións menores, que está pendente de executar no marco do contrato de mantemento global de Portos, ou a ampliación da lonxa para novos usos. Tamén se abordou o proxecto do porto mixto de Corcubión.

Data de actualización: 28/12/2023