A Xunta investirá un total de 47 M€ o ano que vén para a mellora de explotacións e a incorporación de profesionais á actividade agrogandeira

Destaca que se manteñen as achegas para os mozos que se poñan ao fronte dunha explotación e que, por primeira vez, lánzase unha axuda específica para persoas de entre 41 e 55 anos

Nas axudas para investimentos subvencionarase o uso de madeira estrutural nas infraestruturas que se inclúan dentro dos plans de mellora así como a compra de maquinaria ou a reforma das instalacións
 

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello autorizou hoxe destinar 47 millóns de euros o vindeiro ano “ás axudas para promover a incorporación de profesionais ao agro e mellorar as explotacións”.

Estas subvencións pertencen ao Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. O orzamento está cofinanciado nun 12% pola Administración xeral do Estado, nun 28% pola Xunta de Galicia e nun 60% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Con estas axudas búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade. Ao mesmo tempo, procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e fomentar o emprego neste sector, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no rural.

En concreto, a partida asignada para sufragar investimentos en explotacións agrícolas (os coñecidos como plans de mellora) será en 2024 de 27 millóns de euros; para a incorporación de mozos ao agro destinaranse 16 millóns de euros, aos que se lle suman tal e como anunciou Rueda, por primeira vez, unha nova liña destinada para persoas entre 41 e 55 anos (dotada de 3 M€), e, por último, haberá achegas para pequenas explotacións (1 M€).

Nas axudas para investimentos nas explotacións agrícolas, subvencionarase o uso de madeira estrutural nas infraestruturas que se inclúan dentro dos plans de mellora, na liña da aposta da Xunta polo emprego deste material na construción. Ademais, tal e como indicou Rueda, poderán usarse as achegas para “comprar maquinaria, reformar as instalacións ou adquirir novos terreos”. E no caso das axudas para pequenas explotacións, o obxectivo es destinalas “a realizar melloras nas instalacións ou mitigar os efectos do cambio climático”.

Ademais, no marco desta orde de axudas para o 2024, o Consello da Xunta tamén aprobou a exención da achega de garantías para os beneficiarios. Así, os solicitantes que reciban axuda só estarán obrigados a verificar a conformidade do seu plan empresarial, sen ter que presentar unha garantía do 100% do importe a aboar no pagamento a conta nin verse sometidos a controis a posteriori. Así, a axuda terá carácter de pago a tanto alzado e concederase pola execución do plan empresarial ou plan de negocio que terá unha duración de 24 meses.

 
                        
   


Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/12/2023