O delegado territorial e o xerente do consorcio visitan aos usuarios do centro de día de Portas

Reguera destacou a gran importancia destes espazos que permiten aos maiores manter unha vida activa tanto física como mentalmente
― O delegado e o xerente do Consorcio aproveitaron a visita a Portas para acudir á escola infantil Galiña Azul
 

Pontevedra, 28 de decembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, visitaron esta mañá o Centro de Día de Portas para desexar un feliz ano a todos os usuarios e coñecer de primeira man, xunto ao alcalde do lugar, Ricardo Martínez, as necesidades e solicitudes dos maiores.

Reguera mostrouse moi interesado nas distintas actividades e rutinas que se levan a cabo no centro e comprobou o bo ambiente que hai entre os maiores. Da man dos responsables do centro, coñeceu aos usuarios que lle trasladaron o seu agradecemento pola visita e lle informaron da gran importancia que ten o centro nas súas vidas.

O delegado destacou “a labor imprescindible que fan estes centros de día onde os nosos maiores poden vir a relacionarse, entreterse e, en definitiva, manterse activos tanto física como mentalmente”.

Pola súa banda, o xerente do Consorcio destacou a labor dos profesionais “que cada día se encargan de que todo funcione correctamente e que fan un traballo impecable”.

Os políticos aproveitaron a visita a Portas para visitar tamén a Galiña Azul onde varias decenas de nenos e nenas aprenden e xogan mentres os seus pais están traballando. “A conciliación familiar sempre é unha prioridade e estes centros teñen un papel moi importante”, concluíu Rodríguez.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/12/2023