A Xunta publica hoxe no DOG o cambio de titularidade a prol do Concello de Tomiño da estrada autonómica PO-195 ao seu paso por Forcadela

Transfírese un treito de algo máis de 1,5 quilómetros desta vía autonómica co seu dominio público viario, incluíndo a obra de paso sobre o río do Hospital da Briña, agás os nós de conexión coa PO-552 no seu inicio e final

O cambio de titularidade materialízase tras executarse unha senda peonil no treito antigo da PO-552, de 390 metros pola marxe esquerda da vía

Co cambio de titularidade, o Concello terá a competencia para actuar nese treito da estrada e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento

O decreto publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia producirá efectos desde mañá

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto da transferencia a prol do Concello de Tomiño da estrada PO-195 en Forcadela.

En concreto, transfírese o treito desta vía autonómica de algo máis de 1,5 quilómetros de lonxitude, entre o quilometro 0+020 e o 1+530, incluído o seu dominio público viario.

O cambio de titularidade inclúe tamén a obra de paso sobre o río do Hospital da Briña, agás os nós de conexión coa PO-552 no seu inicio e final.

Esta transferencia materialízase logo de rematar a Xunta as obras de construción dunha senda peonil ao seu paso por Forcadela.

Coa publicación hoxe do decreto de cambio de titularidade no Diario Oficial de Galicia, o Concello de Tomiño terá a competencia para actuar neste treito da estrada PO-195 ao seu paso por Forcadela e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación, é dicir, desde mañá.

Na seguinte ligazón ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta do pasado 14 de decembro: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231228/AnuncioG0533-201223-0002_gl.html.

Data de actualización: 28/12/2023