Ángeles Vázquez visita o antigo centro de saúde de Cerdedo-Cotobade tras ser rehabilitado para destinarse a vivendas protexidas

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 27 de decembro de 2023

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou hoxe o antigo centro de saúde de Cerdedo-Cotobade logo de que fose rehabilitado para ser destinado a vivendas protexidas de titularidade municipal.

 

A actuación, que respectou a estética orixinal da fachada do edificio e mantivo o volume construtivo, deu lugar a catro vivendas, que veñen incrementar o parque público residencial da localidade. Máis polo miúdo, na planta baixa localízanse dúas vivendas de 130 m2 con tres dormitorios mentres que no andar superior hai dúas vivendas de un dormitorio cada unha.

 

As vivendas, que foron adxudicadas a catro familias da localidade en base ás circunstancias de dificultade de orde económica ou social, están totalmente equipadas, con armarios encaixados e cociña amoblada cos electrodomésticos. Contan con calefacción e auga quente mediante bomba de calor. Cómpre salientar tamén que todas teñen acceso independente a través do soportal exterior e cada unha conta cunha praza de garaxe e xardín.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/12/2023