O conselleiro do Medio Rural, acompañado do director de Turismo de Galicia e do vicepresidente da Deputación de Pontevedra, realizou unha visita guiada polo Pazo

O concurso de ideas para a rehabilitación de Lourizán recibe 34 propostas

O xurado que está a analizar as propostas está formado por persoal do Goberno autonómico, da Deputación de Pontevedra e diversos expertos no sector

Para realizar a rehabilitación convocouse un concurso de ideas, que pasará por diferentes fases antes de elixir a proposta gañadora

Pontevedra, 27 de decembro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, do director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, e do vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez, asistiu esta mañá a unha visita guiada polo Pazo de Lourizán, no marco da iniciativa “Nadal en Galicia” organizada por Turismo de Galicia. Estas xornadas de portas abertas permiten á cidadanía coñecer as instalacións deste edificio histórico, que será rehabilitado polo Goberno autonómico.

 

Para realizar a reforma convocouse un concurso de ideas, no que se presentaron 34 proxectos. O xurado que está a avaliar estas propostas está conformado por persoal do Goberno autonómico, da Deputación de Pontevedra e diversos expertos no sector. Ademais, creáronse dúas Comisións Auxiliares, unha Comisión Administrativa e unha Comisión técnica, co fin de escoller a proposta máis acaída para lograr os obxectivos que persegue a rehabilitación de Lourizán.

 

A continuación, o xurado escollerá os oito proxectos que mellor se adapten. As empresas que os presentaron terán un prazo dun mes para presentar propostas concretas de rehabilitación integral e de novos usos. Estes proxectos serán avaliados pola Comisión Técnica, que fará a súa proposta ao xurado. O concurso finalizará coa presentación do gañador, os segundos e os terceiros finalistas e cinco accésit. Todos eles percibirán un premio económico en compensación.

 

A finca de Lourizán

A finca ten unha superficie de 46,55 hectáreas formada por catro parcelas catastrais e os seus xardíns contan con máis de 850 especies de plantas e árbores, algunhas delas do século XIX.

 

O seu propietario máis relevante foi o político galego Eugenio Montero Ríos, que adquiriu a propiedade xunto coa súa esposa, Avelina Villegas, no ano 1879 e que foi quen encargou a Jenaro de la Fuente a reforma e deseño do pazo como unha residencia de verán pola que se pasaron importantes personalidades da época. Nos seus salóns negociáronse cuestións políticas de máximo interese, como o Tratado de París de 1898, polo que se cederon as últimas terras coloniais que quedaban: Porto Rico, Filipinas, Cuba e Guam.

 

No ano 1943 a finca de Lourizán foi mercada a través de escritura pública pola Deputación de Pontevedra á Caixa de Aforros e á Marquesa de Alhucemas, correspondendo unha quinta parte á marquesa, e o resto á Caixa de Aforros, formalizándose o escrito público de compravenda en data 8 de outubro de 1943. O 3 de novembro de 1943 o Pleno da Deputación acordou ceder a título gratuíto e por un prazo de 20 anos ao Estado para instalar un Centro Regional de Enseñanzas e Investigaciones y Experiencias Forestales (C.R.E.I.E.F.).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/12/2023