A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade reúnese co alcalde do Porriño para avanzar na formación axustada á demanda do tecido empresarial

Rivo sinala a importancia da colaboración institucional para seguir a mellorar os servizos que se ofrecen ás persoas demandantes de emprego

O Porriño (Pontevedra) 27 de decembro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, mantivo hoxe unha xuntanza co alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, na que abordaron os programas en materia de emprego que se desenvolven na localidade pontevedresa a través da colaboración que neste eido manteñen as dúas administracións.

A reunión, en palabras de Rivo, tivo como obxectivo principal seguir a avanzar na importancia de ofrecer ás persoas sen emprego unha formación axustada ás demandas do tecido empresarial. Para a conselleira, nestes momentos, é clave dar resposta ás 15.000 vacantes laborais que continúan a existir en diversos sectores económicos e, por iso, avaliou co alcalde as ferramentas que están en marcha para dotar á poboación galega de formación de calidade.

Na xuntanza abordouse, así mesmo, a optimización dos servizos de busca de emprego porque, tal e como sinalou Rivo, é esencial identificar as necesidades do mercado de traballo en tempo real e de adaptar a formación e os itinerarios formativos a ditas necesidades, axustando de xeito áxil e de maneira máis efectiva os perfís coas candidaturas.

A conselleira explicou, para rematar, que a Consellería está nun proceso de escoita para poder reforzar a colaboración entre as administracións para que as persoas que xa están traballando, como as que buscan emprego, continúen formándose para o seu perfecto encaixe no mercado laboral. Neste senso, indicou que as formacións de curta duración e flexibles están dirixidas a persoas ocupadas e desempregadas, en liña co sistema de microcredenciais polo que aposta Europa para actualizar coñecementos de xeito áxil.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/12/2023