A directora xeral de Patrimonio Natural visitou hoxe as instalacións deste punto de observación de aves, en Mañón

A Xunta cede ao Concello de Mañón a xestión do Observatorio Ornitolóxico de Estaca de Bares

Do Campo lembra que este observatorio é o único refuxio público de uso público e gratuíto que permite a pernoita en Galicia

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia cede ao Concello de Mañón a xestión do Observatorio Ornitolóxico de Estaca de Bares, tal e como explicou hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante a visita que realizou esta mañá ás instalacións.

A directora xeral detallou que a cesión, por un período de 20 anos, inclúe tanto o uso das instalacións como a atención aos visitantes. De feito, o Concello de Mañón encargarase da coordinación do centro con tarefas como a atención das solicitudes, o ensino do seu funcionamento, o seu mantemento e a súa promoción.

Do Campo lembrou que este observatorio é o único refuxio público de uso público e gratuíto que permite a pernoita en Galicia, cun número máximo de catro persoas. Dispón de cociña, aseo, baño, auga quente e liteiras para descanso nun edificio de pedra construído ao borde dun cantil de ao redor de 15 metros de altura sobre o mar.

Nesa liña, Do Campo puxo en valor que o Observatorio Ornitolóxico de Estaca de Bares, é un dos mellores puntos de observación de aves de toda Europa pola súa estratéxica situación no punto máis setentrional da Península Ibérica. De feito, é un lugar de paso obrigado para moitas aves mariñas na súa migración na procura de áreas de invernada con climas máis cálidos. Entre as especies que pasan cada ano por esta contorna, inclúense o mascato, o carrán común, a palleira grande, o carolo e o galo de mar.

Así, este paso migratorio, xunto coa presenza de colonias de cría de corvo mariño cristado e pardela cincenta atlántica, atrae á zona a numerosos afeccionados á observación de aves tanto de España como de países como Alemaña, Francia, Reino Unido, Finlandia, Irlanda ou Países Baixos, o que supón un impacto económico moi importante para a zona.

A maiores, a directora xeral subliñou que este observatorio está situado dentro da zona de especial conservación ZEC Estaca de Bares, que inclúe hábitats de gran relevancia como as Furnas e os cantís refuxio de aves como o falcón peregrino e colonias de morcegos.

Durante a súa visita a directora xeral estivo acompañada da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; do alcalde de Mañón, Alfredo Dovale; o xerente da Asociación Seitura 22, Miguel Teixido, e o ornitólogo e comunicador ambiental, Antonio Sandoval.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/12/2023