A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou hoxe do novo paso administrativo para executar un itinerario peonil seguro e continuo a ambos os lados da vía

A Xunta licita por máis de 344.000 euros as obras da senda na estrada AC-424 no Couto, no concello de Ponteceso

Habilitaranse algo máis de 600 metros de senda, dos que arredor de 400 discorrerán pola marxe dereita, desde o quilómetro 1+100 ata o acceso á última vivenda situada na glorieta de Balarés; e case 240 pola marxe esquerda, dando continuidade ao itinerario actual

As sendas irán paralelas ao eixe da estrada, cun ancho variable de arredor de 1,50 metros, agás en zonas puntuais na zona máis urbana con edificacións, onde terá 1,2 metros

A execución da senda fará necesario reducir de 7 a 6 metros a estrada na travesía do Couto, por estar ambas as marxes da vía moi edificadas

Ponteceso (A Coruña), 26 de decembro de 2023

A Xunta licitou hoxe por máis de 344.000 euros as obras da senda na estrada AC-424 no Couto, no concello de Ponteceso.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou esta mañá do novo avance administrativo para a execución deste itinerario que se desenvolverá por ambos os lados da estrada que vai de Ponteceso a Corme e que permitirá dotar un itinerario peonil seguro e continuo ata a zona do Couto.

 

A nova senda terá máis de 600 metros de lonxitude: concretamente, pola marxe dereita executaranse arredor de 400 metros, desde o quilómetro 1+100 ata o 1+506. Neste caso, tras a información pública, decidiuse ampliar o itinerario ata o acceso á última vivenda situada na glorieta de Balarés. Pola marxe esquerda, a senda acadará os preto de 240 metros, desde o quilómetro 1+140 ao 1+378, dando continuidade ao itinerario actual.

 

Tal e como explicou Vázquez Mourelle, hoxe mesmo a Plataforma de Contratos Públicos da Xunta recolle a licitación desta actuación por importe de máis de 344.000 euros, un investimento que se eleva ata os preto de 357.000 euros tendo en conta as expropiacións e os servizos afectados.  

 

Agora, as empresas interesadas na execución deste proxecto teñen de prazo ata o 22 de xaneiro para presentar as súas ofertas.

 

A partir de aí a Xunta continuará cos trámites administrativos necesarios para levar a cabo a actuación, que ten un prazo de execución de 3 meses, co obxectivo de que estea á disposición dos veciños en torno a mediados de 2024.

 

Os itinerarios da nova senda irán paralelos ao eixe da estrada, cun ancho variable de arredor de 1,50 metros, agás en zonas puntuais na parte máis urbana onde, debido ás edificacións, o ancho se reducirá aos 1,2 metros.

 

Na intervención será preciso estreitar un pouco a estrada na travesía do Couto, reducíndoa de 7 a 6 metros, dado o escaso espazo dispoñible para a construción da senda, ao tratarse dunha zona moi edificada.  

 

Ademais realizaranse outras actuacións complementarias: de drenaxe, executando un colector baixo a senda peonil para recoller a auga da estrada, das beiravías e da propia senda; e tamén a construción de 4 muros de perpiaño de 1 metro de alto como máximo alí onde son precisos.  

 

A actuación completarase coa disposición da mellora do firme na zona de aparcadoiro e coa renovación da capa de rodaxe da estrada.

 

Tamén, e coa vista posta en reforzar a seguridade dos peóns, que son os usuarios máis vulnerables da estrada, ao finalizar os traballos, a velocidade de circulación nesa travesía limitarase aos 40 km/hora, reforzando ademais a sinalización no treito.

Ethel Vázquez indicou que esta nova actuación responde á solicitude realizada pola asociación veciñal e cultural Monte Branco.

 

Lembrou que o ámbito da senda afecta a un hórreo de máis de cen anos, polo que foi necesario adaptar a intervención prevista, eliminando a franxa de aparcadoiro para non obstaculizar a visión do hórreo e preservar este elemento patrimonial.

 

Isto, tal e como explicou, obrigou a demorar a execución do novo itinerario e por iso, atendendo tamén á solicitude feita pola asociación veciñal, adoptáronse medidas provisionais nese punto para tratar de reducir a velocidade dos vehículos, coa instalación de elementos de balizamento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/12/2023