Os albergues de peregrinos A Casona de Triacastela e o de Sarria completan a súa posta a punto para o inverno

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mantén un encontro coa alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, nun dos inmobles da Rede Pública de Albergues do Camiño

Triacastela (Lugo), 26 de decembro de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, reuniuse hoxe coa alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, no albergue de peregrinos A Casona, en Triacastela, que, xunto co de Sarria, veñen de rematar distintos traballos para a súa posta a punto de cara ao inverno no marco das actuacións anuais de mellora e conservación dos servizos para peregrinos do Goberno autonómico.

 

En concreto, no de Triacastela realizáronse traballos de consolidación da súa estrutura, adaptación ás novas normativas de seguridade sanitaria, así como mellora das condicións de confort dos peregrinos, con distintas actuacións de illamentos e rehabilitación da súa fachada. E no de Sarria realizáronse traballos de adaptación á normativa sanitaria e accesibilidade.

 

Son dous dos preto de 70 cos que conta a Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago, dos que máis de 20 están situados no Camiño Francés. O de Triacastela foi inaugurado no ano 1993. É propiedade da Xunta de Galicia e está situado á entrada da vila. Conta con medio cento de prazas en 14 dormitorios. O albergue de Sarria foi inaugurado no ano 1997 e conta con máis de 40 prazas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/12/2023