A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou o acordo coas organizacións sindicais

A Xunta pon en marcha a unidade especializada de axentes medioambientais para velar pola protección e conservación da Galicia verde

Ángeles Vázquez subliña que a unidade de investigación para a conservación da natureza abordará materias que, pola súa complexidade e carga de traballo, requiren dunha especial dedicación, coñecementos específicos e habilidades particulares

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia pon en marcha a unidade móbil especializada de axentes medioambientais co obxectivo de velar pola protección e conservación da Galicia verde a través de medidas que incidan tanto na prevención como na investigación de actuacións graves que atenten ou poidan poñer en perigo o patrimonio natural da Comunidade.

Durante o acto de sinatura do acordo para a formación deste equipo especializado e altamente cualificado, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, puxo en valor que “todas as organizacións sindicais” -CIG, CCOO, CSIF e UXT- votasen a favor desta iniciativa que ten como obxectivo garantir a preservación dos espazos naturais e das especies que albergan.

A maiores, Ángeles Vázquez subliñou que coa posta en marcha desta unidade Galicia converterase na primeira comunidade en contar cunha brigada de axentes medioambientais especializada na conservación do patrimonio natural, que abordarán determinadas materias que, pola súa complexidade e carga de traballo, requiren dunha especial dedicación, coñecementos específicos, habilidades e competencias particulares e que, ademais, deba facerse de forma coordinada e cunha estratexia única en todo o territorio autonómico.

Deste xeito, esta unidade contará cunha dotación inicialmente prevista de 8 persoas pertencentes á escala de axentes ambientais e actuará en toda Galicia polo que terá o carácter de brigada móbil. Segundo detallou a vicepresidenta segunda, o seu labor consistirá en asumir a investigación, coordinación e intervención inmediata ante situacións relacionadas cos seguintes ámbitos: detección de uso ilegal de velenos, infraccións na caza de especies silvestres, na pesca continental e na conservación natural cando así o requira a urxencia, relevancia ou especialidade dos feitos.

Esta unidade de investigación para a conservación da natureza (Uicon) virá complementar o labor que xa realizan agora os 165 axentes adscritos á Vicepresidencia Segunda, que exercen sobre o terreo funcións de policía, custodia e vixilancia dos bens de natureza ambiental e asumen un papel activo en moitas das accións impulsadas para velar pola conservación do patrimonio natural e na aplicación da normativa vixente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/12/2023