A Xunta completa a extensión do cribado de cancro de cérvix en toda Galicia

O Goberno galego cumpre así o obxectivo de implantar este programa de detección precoz antes de rematar o 2023

Desde que se iniciou en Lugo no 2019, xa se enviaron máis de 45.000 invitacións a mulleres de entre 35 e 65 anos

Este cribado permitiu detectar ata o momento máis de 100 lesións pre-malignas e dez cancros

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2023

O Executivo galego completa a extensión do Programa galego de detección precoz do cancro de cérvix, cumprindo así co seu obxectivo de facelo antes de que remate o ano. Mulleres de toda Galicia, de entre 35 e 65 anos recibirán as invitacións para participar neste proxecto que se iniciou en Lugo no ano 2019. Desde os seus comezos xa se enviaron máis de 45.000 invitacións e realizáronse máis de 33.000 probas ás galegas que conforman a poboación diana. A través delas detectáronse preto de 2.000 positivos en virus do papiloma humano (VPH), máis dun cento de lesións pre-malignas e dez cancros.

O Ministerio de Sanidade marcara 2024 como ano límite para iniciar a implantación deste Programa e 2029 como tope para chegar ao 100 % de cobertura. Galicia acada este fito cinco anos antes do previsto nun contexto no que outras comunidades autónomas aínda están a comezar este ano as súas probas piloto.

A Xunta cumpre así cun mandato unánime do Parlamento de Galicia, que en novembro de 2021 instara ao goberno galego a “completar nesta lexislatura a extensión a toda Galicia do programa”. O conselleiro de Sanidade e a directora xeral de Saúde Pública presentaron en maio de 2022 a programación da Xunta para acadar este obxectivo dentro dese prazo.

A Xunta iniciou a implantación deste programa no distrito sanitario de Lugo a finais de 2019 pero, por mor da irrupción da pandemia da covid-19 tivo que interromperse, retomándose a finais de 2021 e chegando ao conxunto da área lucense no 2022, o mesmo ano no que se incorporaron as áreas sanitarias de Ferrol e Pontevedra e Salnés. Finalmente, ao longo de 2023 foise producindo a implantación progresiva do programa nas áreas sanitarias de Vigo (maio), Ourense, Verín e Valdeorras (outubro), Santiago e Barbanza (novembro) e A Coruña e Cee (decembro).

Aposta pola prevención

Desde 2020, o goberno galego duplicou o investimento en cribados, que se consolida nos 2,6 millóns de euros nos orzamentos xerais recentemente aprobados para 2024.

Con este incremento de fondos afrontouse esta extensión do cribado de cancro de cérvix así como a ampliación da idade máxima no Programa de detección precoz do cancro de mama dos 69 aos 74 anos, que se completou este ano en toda Galicia seguindo as recomendacións europeas. Este cribado conta con máis de 30 anos de traxectoria en Galicia e contribuíu a detectar máis de 11.000 cancros.

Por outra banda, o cribado de cancro colorrectal está en funcionamento xa para todas as persoas entre 50 e 69 anos de Galicia. Este programa iniciouse en 2013 en Ferrol e completou en 2019 a súa extensión a todo o territorio galego, tamén cinco anos antes do obxectivo marcado polo Ministerio de Sanidade. Nesta lexislatura a Xunta decidiu modificar a estratexia do programa, pasando a enviar directamente aos domicilios os test de cribado para a detección precoz do cancro colorrectal, tras un programa piloto que avalaba que esta modalidade incrementaba a participación.

Estratexia Galega de Saúde 2030

Con estas accións, promóvense ferramentas que sirvan de apoio e faciliten, na medida do posible, o labor dos profesionais que traballan nos distintos centros sanitarios. Con esta premisa, publicouse tamén a Estratexia Galega de Saúde 2030, unha folla de ruta que incorpora o enfoque de xénero na planificación e programas asistenciais, así como nos ámbitos de investigación.

Un dos principais obxectivos desta Estratexia é adoptar un enfoque máis proactivo na sanidade pública, incrementando a actividade que se realiza sen agardar á aparición dun problema de saúde. Así, o reforzo dos programas de cribado ou de vacinación encaixan no obxectivo de previr a enfermidade e mellorar a calidade de vida da cidadanía galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/12/2023