A Xunta culmina a posta en marcha de 76 novos equipos de alta tecnoloxía sanitaria nos hospitais públicos galegos

O conselleiro de Sanidade visitou esta semana a resonancia magnética de máxima precisión incorporada ao CHUS dentro deste proceso de renovación tecnolóxica

O Goberno galego investiu 8,6 M€ nas obras precisas para a instalación destes equipos

A Xunta utilizou fondos europeos Next Generation para acometer o investimento de 67,2 M€ destinados a adquirir este equipamento tecnolóxico

En particular, a área sanitaria de Santiago e Barbanza recibiu preto de 10 millóns de euros deste investimento para renovar 12 equipos

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou esta semana a resonancia magnética de máxima precisión incorporada ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Con esta resonancia, e cun TAC que se acaba de instalar estes días no Hospital de Conxo, o titular da carteira sanitaria dixo que a Xunta completa a instalación de 76 novos equipos de alta tecnoloxía que Galicia incorporou á súa sanidade pública neste último ano a través dos fondos europeos Next Generation.

Na visita, na que o conselleiro estivo acompañado pola xerente da área sanitaria, Eloína Núñez, o máximo responsable do Sergas referiu que a Xunta utilizou fondos europeos Next Generation para acometer o investimento de 67,2 M€ destinados a adquirir este equipamento tecnolóxico.

O departamento sanitario galego tomou a decisión de achegar preto de 7 millóns de euros de fondos propios aos 61 de financiamento europeo para poder adquirir os equipos de máis alta gama, tanto no caso das resonancias como no dos TACs, incorporando un con tecnoloxía espectral en cada área. Ademais, o responsable da sanidade pública galega detallou que a Xunta investiu 8,6 millóns de euros nas obras de reforma precisas para instalar todos estes novos equipos, como foi o caso precisamente da resonancia do hospital compostelán, que requiriu licitar un contrato de obra para axeitar os espazos.

En consecuencia, o Goberno galego incorporou sobre os 61 millóns recibidos da Unión Europea, outros 15 millóns máis para mellorar a gama dos equipos e para financiar as obras de instalación.

O conselleiro subliñou o importante esforzo económico e o gran reto que esta renovación tecnolóxica supuxo no ámbito técnico e no administrativo, xa que todas as contratacións destes equipos e das súas obras fixéronse entre 2022 e 2023.

Comesaña incidiu en que este investimento chegou a toda a rede hospitalaria galega, beneficiándose os sete grandes hospitais e os sete comarcais, por tanto, os hospitais de referencia do 100 % da poboación galega con cobertura da sanidade pública.

Grazas a esta iniciativa, a Xunta pode ofrecer á poboación galega mellor atención nos servizos de radioloxía, radioterapia, medicina nuclear, cardioloxía ou cirurxía vascular de toda Galicia.

Investimento de preto de 10 millóns na área sanitaria de Santiago e Barbanza

A nova resonancia do hospital santiagués é un equipo de 3 teslas, o que significa a maior resolución anatómica, permitindo ver lesións de tamaño minúsculo e obter imaxes de máxima calidade en calquera órgano, nun tempo menor e coa máxima fiabilidade. Esta tecnoloxía vai facilitar ao persoal sanitario da área facer un diagnóstico aínda máis preciso e unha detección precoz de múltiples patoloxías, especialmente en pacientes oncolóxicos e neurolóxicos.

Forma parte do investimento de case 10 millóns de euros que este proceso de renovación tecnolóxica supuxo para a área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.

Así, o CHUS dotouse con equipamento de alta tecnoloxía por valor de 8,7 millóns de euros para 11 novos equipos: 5 TACs (un deles con tecnoloxía espectral), dúas gammacámaras, un equipo de braquiterapia, unha sala de hemodinámica, unha sala de neurorradioloxía e esta resonancia magnética. As obras asociadas supuxeron máis de 800.000 euros. Por outra banda, no hospital do Barbanza instalouse un novo TAC de 407.000 € cunha obra asociada de 17.000 €.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/12/2023