A Xunta financia a ampliación do centro de día e residencial de ASPAS en Santiago con 550.000 euros

Finánciase a través da nova orde para a creación ou remodelación de centros de titularidade social dotada con 13 millóns de euros

Estes fondos permitirán que Aspas amplíe a capacidade das súas instalacións nun 50 %, o que lle facilitará achegar o seu labor a máis persoas e familias

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2023

A Xunta financia con 550.000 euros a ampliación do cetro ocupacional da Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade de Santiago (ASPAS) en Santiago. A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou hoxe as súas instalacións que xa rematou as obras.

A directora xeral lembrou que foron dez as entidades beneficiarias desta convocatoria que está dotada con 13 millóns de euros. Así mesmo, resaltou que Aspas elevará a capacidade das súas instalacións nun 50 % o que lle permitirá achegar o seu importante labor a máis persoas e familias de Santiago e da súa contorna.

Abeijón sinalou que o Goberno galego confía nas entidades sociais para mellorar a atención das persoas con discapacidade. Neste sentido, o Goberno galego acadou este ano un acordo histórico para impulsar o concerto social e blindar a atención social ás persoas con discapacidade. Un concerto social ao que o Goberno galego destinará 100 millóns de euros cada ano.  

Begoña Abeijón explicou que, a través do concerto social, Aspas pasará a recibir 2,7 millóns de euros ao ano para o financiamento de 131 prazas públicas nos seus centros, o que supón un aumento superior aos 600.000 euros que recibe cos contratos actuais. Ademais, repasou outras colaboracións que ten o Goberno galego con Aspas por medio da liña de axudas do IRPF ou a concesión este mesmo ano dunha subvención de 45.000 € para a compra dun vehículo destinado ao traslado dos usuarios dos seus centros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/12/2023