O presidente da Xunta participa na presentación desta medida na estación intermodal de Vigo

Rueda destaca que Galicia será pioneira ao facilitar que os maiores de 65 anos viaxen de balde no transporte público da Xunta a partir do 1 de xaneiro

A Xunta destinará 5 M€ a esta medida para ampliar a gratuidade da que xa se benefician os menores de 21 anos coa tarxeta Xente Nova

Máis de 700.000 maiores poderán trasladarse gratis nas máis de 3.000 liñas de autobús interurbano de Galicia, no barco da ría de Vigo e no ferrocarril da comarca de Ferrol

“Queremos devolver á xente maior todo o que aportaron durante tanto tempo”, indicou o presidente que destacou o aforro que supón para este colectivo

A Xunta mantén a súa aposta por promover a mobilidade sostible con outras iniciativas como manter os descontos do 50% nos billetes do transporte autonómico, permitir usar as prazas baleiras do transporte escolar nas zonas do rural ou o sistema de paradas baixo demanda
 

Vigo, 22 de decembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que Galicia vai ser pioneira ao facilitar que os maiores de 65 anos viaxen de balde no transporte público autonómico a partir do vindeiro 1 de xaneiro. “Queremos devolver a xente maior todo o que aportaron durante tanto tempo. É de xustiza”, indicou o titular do Goberno autonómico.

A Xunta destinará 5 M€ nos orzamentos de 2024 a aplicar esta medida coa que amplía a gratuidade no transporte autonómico da que xa se beneficiaban os menores de 21 anos coa tarxeta Xente Nova. Deste xeito, a partir de xaneiro, todos os maiores de 65 anos que teñan a Tarxeta de Mobilidade de Galicia poderán viaxar gratis nas máis de 3.000 liñas de autobuses interurbanos da comunidade, no barco da ría de Vigo e no Feve da comarca de Ferrol. A previsión é superar os 700.000 beneficiarios potenciais.

Tras unha pequena ruta nun autobús público da Xunta, Rueda destacou a importancia de ofrecer aos maiores un sistema de transporte accesible e económico. “O autobús axuda a que moita xente maior poida desprazarse e sirve tamén para socializar”, indicou para asegurar que “é un gasto importante” no día a día de moitas persoas que agora vaise “reducir a cero”.

Ademais, o presidente lembrou a aposta que desde hai anos fai a Xunta por promover unha mobilidade sostible entre o conxunto da cidadanía. Hai só unha semana, o Consello aprobou manter no 2024 os descontos do 50% no prezo do billetes do transporte autonómico e ademais conta con outras medidas como permitir o uso das prazas baleiras nos autobuses escolares nas zonas que non contan con liñas regulares, o servizo de transporte a demanda con máis de 22.000 paradas deste tipo ou a construción de estacións intermodais para facilitar os transbordos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/12/2023