A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde organiza un encontro cos responsables da innovación sanitaria de Andalucía e Aragón no marco do proxecto PROCURE4HEALTH
Durante os encontros, representantes do Servizo Galego de Saúde e da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), compartiron cos socios nacionais as experiencias no referido á compra pública innovadora no ámbito de saúde
A sede de ACIS e o Hospital Arquitecto Marcide acolleron unhas xuntanzas na que se analizaron programas de innovación como CÓDIGO100, INNOVATRIAL ou PRECISAÚDE
Responsables da Axencia Galega de Coñecemento de Saúde (ACIS) e do Servizo Galego de Saúde, mantiveron esta semana senllas xuntanzas con membros do Servicio Andaluz de Salud (SAS), o Instituto Aragonés de Ciencias de la Salud (IACS) e a Fundación Progreso y Salud (FPS), co obxectivo de compartir as súas experiencias no referido á compra pública innovadora no ámbito de saúde.
No marco do proxecto europeo de innovación sanitaria PROCURE4HEALTH, Santiago de Compostela e Ferrol, acolleron unhas reunións nas que representantes dos tres sistemas sanitarios autonómicos (Galicia, Andalucía e Aragón), puxeron en común os seus avances en diferentes proxectos.
Deste xeito, a sede da ACIS acolleu a primeira das dúas reunións previstas en Galicia, un encontro que foi presentado polo director da área de innovación sanitaria da ACIS, José María Romero. Así, entre os asuntos abordados, destacou a análise dos resultados obtidos nas consultas preliminares ao mercado de diferentes proxectos.
En concreto, o CÓDIGO 100 (centrado na resposta temperá ao cambio demográfico e o impulso dun novo sistema sanitario preparado para liderar un envellecemento activo e saudable); INNOVATRIAL (que procura atopar solucións innovadoras no eido da xestión de estudos de investigación biomédica e ciencias da saúde); INNOVA MICROLAB (sobre desenvolvemento de dúas plataformas tecnolóxicas automatizadas para un diagnóstico microbiolóxico ultrarrápido de patoloxías infecciosas e estudo da evolución do microbioma en pacientes con enfermidades metabólicas); e PRECISAÚDE (na que se procura o desenvolvemento de solucións innovadoras baseadas na aplicación de técnicas de diagnóstico e tratamento específicas para cada paciente en función das súas características individuais).
Na segunda das xuntanzas, celebrada no Hospital Arquitecto Marcide e presentada polo subdirector de Sistemas de Información da área Sanitaria de Ferrol, Javier Quiles del Río, abordáronse tres proxectos de innovación para a xestión de datos e a investigación clínica. Nomeadamente: o INNOVATRIAL, o TARTAGLIA e o HEXIN.
O proxecto INNOVATRIAL ten como obxectivo desenvolver unha plataforma de integración da investigación clínica coa actividade asistencial en Galicia.
Pola súa banda, o programa TARTAGLIA procura a creación dunha rede federada que, mediante o uso de intelixencia artificial, que mellore a investigación clínica en España, e que contribúa a acadar uns diagnósticos máis precoces do cancro de próstata. Neste ámbito, o conxunto de participantes realizaron unha visita ao Laboratorio de Patoloxía, localizado no Hospital Naval de Ferrol.
Finalmente, HEXIN é unha plataforma que permite a explotación de información clínica dispoñible nos sistemas existentes co propósito de facilitar a toma de decisións clínicas, proporcionando información para a identificación e clasificación de casos de epidemioloxía, e así achegar información de xestión.
IANUS5, NAZZAR e URXENCIAS SIGUR
Dada á experiencia do Servizo Galego de Saúde cos proxectos de innovación, presentáronse ademais tres proxectos que chegaron ao nivel de desenvolvemento tecnolóxico TRL9 no sistema de saúde galego:
•Sistema de información de URXENCIAS SIGUR (sistema de xestión para os servizos de urxencias hospitalarios, 061 e centros PAC con funcionalidades de xestión clínica, análise de actividade e información ao paciente).
•Sistema Departamental de Oftalmoloxía NAZZAR (sistema de información para a xestión da Unidade de Terapia Intravítrea coa que conta a área Sanitaria de Ferrol. É un software de xestión de datos que permite analizar a actividade da Unidade).
•Sistema de Historia Clínica integrada IANUS5 (historia clínica electrónica única transversal, intelixente e colaborativa, potenciando a posibilidade de contactar cos pacientes e achegar o traballo dos profesionais á sociedade).